Noticias

Case 100 mulleres da provincia rematan esta semana accións formativas de "Conectadas"

A finalidade do programa de igualdade da Deputación é mellorar a formación das mulleres para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias


30 decembro 2019
Conectadas

O programa da Deputación de Pontevedra "Conectadas" 2019 leva desde o mes de agosto poñendo en marcha accións formativas dirixidas a empoderar ás mulleres da provincia mediante a formación. Así, durante esta última semana de decembro e a primeira de xaneiro chegarán ó seu fin a un total de 5 obradoiros nos que participaron 90 mulleres e que foron realizados nos concellos de Agolada, Cangas, Ponteareas, Redondela e Soutomaior.

Deste xeito, este luns remata no concello de Ponteareas o curso Pintura, no que participaron mulleres da Asociación Cultural San Mateo. Xa nos primeiros días de 2020, máis especificamente o xoves 2 de xaneiro, rematará en Redondela a acción formativa Intelixencia Emocional, impartida a mulleres da Asociación contra o Cancro.

O 3 de xaneiro, pola súa banda, rematarán dous obradoiros. O primeiro deles, denominado Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables, tivo lugar no concello de Cangas e nel participaron integrantes da Asociación de Mulleres Progresistas de Darbo. O segundo foi Iniciación á Costura, que se desenvolveu en Soutomaior con mulleres da Asociación de Veciños de Alxán. Finalmente, o 4 de xaneiro rematará no concello de Agolada o curso Pintura, no que participaron integrantes da Asociación de Amas de Casa Témporas.

"Conectadas" 2019 é un programa provincial que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para empoderar ás mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Ademais, esta iniciativa busca favorecer as relacións interpersoais e intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a brecha dixital. Está dirixido a asociacións, federacións e fundacións que traballan para a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento, o empoderamento feminino e a consecución da igualdade entre mulleres e homes.