Noticias

Máis de 200 persoas gozarán desde este domingo do programa Depotermal 2019

Mañá comezan o programa as persoas participantes na estadía con pernoita, mentres que o luns comezan as saídas do programa diúrno


05 outubro 2019
Depotermal

Un total de 201 persoas de seis concellos da provincia gozarán esta semana do programa Depotermal organizado pola Deputación de Pontevedra, con estadías no Hotel Balneario Termas de Cuntis, no Hotel Talaso Atlántico de Oia e no Balneario de Mondariz.

Deste xeito, un grupo de 116 persoas participará neste programa a través da modalidade de pernoita cunha estancia no Balneario de Mondariz durante seis días e cinco noites, desde mañá, 6 de outubro ata o venres 11. Ademais, outras 51 veciñas e veciños pertencentes aos concellos de Fornelos de Montes, Redondela, O Porriño e Mos comezarán o luns 7 de outubro o programa diúrno no Hotel Talaso Atlántico de Oia. Finalmente, outras 34 persoas do Porriño e Vigo acudirán ao Balneario Termas de Cuntis tamén na modalidade de día, que terá unha duración de cinco xornadas consecutivas.

O programa de termalismo e saúde da Deputación está dirixido a persoas nadas antes do 1 de xaneiro de 1969 e ten por obxectivos promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida da veciñanza da provincia, así como impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado de ánimo, potenciar espazos de encontro e intercambio de experiencias e evitar o illamento e situacións de soidade. Depotermal permite tamén dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, desestacionalizando así a demanda.

Este ano, un total de 4.419 persoas vanse beneficiar do programa termal, das que 1.186 o farán en asistencia diúrna (durante cinco días consecutivos) e 3.233 pers0as con pernoita (cunha estancia de seis días e cinco noites).