Noticias

"Depotermal" chega esta próxima semana a 249 persoas grazas ao programa da Deputación de Pontevedra

A iniciativa de termalismo social beneficia este ano 4.500 veciñas e veciños da provincia


12 outubro 2019
Depotermal

O programa "Depotermal", organizado pola Deputación de Pontevedra, levará durante esta semana 249 persoas a descubrir os beneficios do termalismo en establecementos de oito concellos da provincia.

Deste xeito, un grupo de 146 veciñas e veciños de Vigo e Nigrán participarán neste programa a través da modalidade de pernoita, cunha estancia que durará desde este domingo 13 ata o venres 18 de outubro. Delas, 47 persoas estarán aloxadas no hotel Carlos I, outras 47 no hotel Spa Galatea e 52 no hotel Louxo La Toja. Ademais, 40 veciñas e veciños dos concellos da Lama, Ponte Caldelas e Barro gozarán da modalidade de día do programa no balneario Termas de Cuntis. Finalmente, outras 63 persoas dos concellos do Porriño, Vigo, Pontevedra e Poio acudirán ao Eurostars La Toja coa programación diúrna de "Depotermal", que terá unha duración de cinco xornadas consecutivas.

O programa de termalismo e saúde da Deputación diríxese a persoas nacidas antes do 1 de xaneiro de 1969 e ten por obxectivos promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida da veciñanza da provincia, así como impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado de ánimo, potenciar espazos de encontro e intercambio de experiencias e evitar o illamento e as situacións de soidade. "Depotermal" tamén permite dinamizar a economía da provincia impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade para desestacionalizar así a demanda.

Este ano un total de 4.419 persoas beneficiaranse do programa termal, das que 1.186 o farán en réxime de asistencia diúrna (durante cinco días consecutivos) e 3.233 en réxime de pernoita (cunha estancia de seis días e cinco noites).