Noticias

Preto de 200 persoas gozarán a vindeira semana do programa "Depotermal" 2019

A iniciativa de termalismo social da Deputación de Pontevedra beneficia este ano a 4.500 veciñas e veciños da provincia


21 setembro 2019
Depotermal

Preto de 200 persoas de seis concellos da provincia gozarán esta vindeira semana do programa "Depotermal" organizado pola Deputación de Pontevedra, con estadías no Hotel Balneario Termas de Cuntis, Louxo La Toja e Galatea de Portonovo.

Por unha banda, un grupo de 34 veciñas e veciños dos concellos de Redondela, Vigo, Marín e Pontevedra participarán neste programa a través da modalidade de pernoita cunha estancia no Balneario de Cuntis durante seis días e cinco noites, desde o domingo 22 ao venres 27 de setembro. Ademais, 54 persoas da Cañiza, Vigo e Marín gozarán do Hotel Louxo La Toja, e 45 veciñas e veciños dos mesmos concellos acudirán, tamén na modalidade con pernoita, ao Galatea de Portonovo.

En canto á modalidade diúrna, 42 persoas de Redondela e Soutomaior acudirán durante cinco días ás instalacións de Termas de Cuntis entre o 23 e o 27 de setembro.

O programa de termalismo e saúde da Deputación está dirixido a persoas nadas antes do 1 de xaneiro de 1969 e ten por obxectivos promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida da veciñanza da provincia, así como impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado de ánimo, potenciar espazos de encontro e intercambio de experiencias e evitar o illamento e as situacións de soidade. "Depotermal" tamén permite dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade e desestacionalizando así a demanda.

Este ano, un total de 4.419 persoas vanse beneficiar do programa termal, das que 1.186 o farán en asistencia diúrna (durante cinco días consecutivos) e 3.233 pers0as con pernoita (cunha estancia de seis días e cinco noites).