Noticias

Máis de 260 persoas provincia gozarán estes días do programa "Depotermal" 2019

Este domingo 20 de outubro parten as persoas participantes da visita con pernoita, mentres que o luns comezan as saídas do programa diúrno


19 outubro 2019
Depotermal

Un total de 262 persoas de idade avanzada da provincia gozarán desde este domingo e ata o 25 de outubro do programa "Depotermal", organizado pola Deputación de Pontevedra, con estadías no Hotel Balneario Termas de Cuntis, no Hotel Talaso de Sanxenxo, no Hotel Carlos I, tamén de Sanxenxo, e no Hotel Louxo La Toja.

Deste xeito, mañá día 20 comezan as estadías con pernoita de tres grupos. A primeira destas expedicións, que conta con 96 persoas inscritas, partirá rumbo ao Hotel Carlos I de Sanxenxo. A saída está programada para as 15:30 horas desde o Centro Cultural de Filgueira, aínda que o transporte realizará paradas na gasolineira da Cañiza (15:45 horas), na rúa Arenal de Vigo (16:30 horas) e, finalmente, na parada de San Roque de Pontevedra (17:00 horas).

O segundo grupo estará nas instalacións do Hotel Talaso, tamén en Sanxenxo e está conformado por 63 persoas. Así, a saída está prevista para as 17:00 horas desde a rúa Arenal de Vigo, e ás 17:30 horas, desde a parada de San Roque. Por último, 46 participantes da iniciativa de termalismo social terán como destino o Hotel Louxo La Toja. Estas tres saídas rematan o 25 de outubro.

Por outra banda, no que atinxe ás saídas diúrnas, haberá 57 persoas repartidas en catro grupos que se desprazarán ao Hotel Balneario Termas de Cuntis desde o luns 21 de outubro ata o venres 25. Máis polo miúdo, 13 peroas partirán cada tarde desde Moaña, 19 desde Cangas, 14 desde Bueu e 11 desde Marín.

O programa de termalismo e saúde da Deputación está dirixido a persoas nadas antes do 1 de xaneiro de 1969 e ten por obxectivos promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida da veciñanza da provincia, así como impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado de ánimo, potenciar espazos de encontro e intercambio de experiencias e evitar o illamento e situacións de soidade. "Depotermal" permite tamén dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, desestacionalizando así a demanda.

Este ano, un total de 4.419 persoas vanse beneficiar do programa termal, das que 1.186 o farán en asistencia diúrna (durante cinco días consecutivos) e 3.233 pers0as con pernoita (cunha estancia de seis días e cinco noites).