Noticias

Escolares do CEIP Pena de Francia de Mos visitan "Imaxinar a educación. 50 anos con Frato"

Unhas 30 rapazas e rapaces de 4.º de Primaria realizaron xogos e experimentos ademais de coñecer as viñetas de Francesco Tonucci


12 maio 2017
CEIP Pena de Francia de Mos

Unhas 30 de rapazas e rapaces de 4.º de Primaria do CEIP Pena de Francia do Concello de Mos realizaron na mañá de hoxe unha visita á exposición "'Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato" que a Deputación de Pontevedra mantén aberta no Pazo da Cultura de Pontevedra. Alí puideron coñecer as viñetas máis representativas de Francesco Tonucci, que achegan unha visión do mundo moi crítica da educación e das cidades a través dos ollos da cativada, e tamén participaron do grande espazo de xogos que é a exposición para desenvolver libremente a súa autonomía, creatividade e a súa capacidade para aprender e construír.

As e os estudantes coñeceron os dez espazos expositivos diferenciados da mostra que animan á interacción e a pasar un tempo de entretemento e reflexión. Os dous primeiros espazos son unha selección das mellores viñetas e orixinais do autor, para despois desenvolver outras áreas do máis divertido e interactivo para as persoas visitantes: o da bicicleta, espazo para gozar, investigar e aprender (onde se permite montar e desmontar as bicis e coñecer o seu funcionamento); o espazo das construcións chamado "Pequenas pezas, grandes creacións" e o dos xoguetes, onde se demostra que a xogar non se aprende, pero xogando apréndese.

Por outra banda, estiveron no espazo "Teño unha idea. Propostas para seguir inventando", onde a partir das palabras, das formas e das accións as persoas visitantes puideron compartir as súas creacións –debuxos, escritos etc.– e expoñelas na propia sala. Finalmente, na zona de natureza, seguindo a metodoloxía de Francesco Tonucci, realizaron un achegamento ao ambiente a través da creación e o xogo. Nesta zona hai un herbario, peixes de cores, unha piscina na que experimentar como os elementos flotan ou afunden, e como a auga pode funcionar como pegamento. Incluso hai un composteiro no que as pequenas e pequenos puideron ver como se pode tirar proveito do lixo orgánico para producir un fertilizante natural de grande calidade como é o compost. Tamén hai dous areeiros nos que experimentaron deixando as súas pegadas e simularon as de diferentes animais.

Tiveron tempo para participar do espazo do "Consello das nenas e nenos", a ágora do Pazo da Cultura, onde debateron sobre temas tan actuais como que modelo deben seguir as cidades para converterse nas cidades das nenas e nenos que propón Tonucci, ou a necesidade de deberes e actividades extraescolares.

Esta visita enmárcase dentro das actividades concertadas entre a Deputación e os centros escolares de toda a provincia e que permitirán a case 3.700 nenas e nenos participar de visitas á exposición "'Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato" e dos roteiros a cargo de Migallas Teatro, que dan a coñecer Pontevedra, cualificada por Tonucci como un exemplo da perfecta cidade das nenas e nenos, a través de xogos no espazo público gañado aos coches.