Noticias

Preto de 200 escolares da provincia participan hoxe no primeiro Congreso de Educación Ambiental sobre Compostaxe para escolares

Rapaces e rapazas do CEIP de Lérez, da EEI Verducido, do CEIP Valle Inclán de O Grove, CEIP Riomaior e CPI Toural de Vilaboa e CEIP Noalla-Telleiro de Sanxenxo exporán os seus proxectos escolares


29 maio 2017
Quen Vive aí?

Preto de 200 escolares de colexios de toda a provincia estarán hoxe no Pazo da Cultura para participar no I Congreso de Educación Ambiental sobre Compostaxe para centros de Ensino de Pontevedra organizado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Revitaliza. Os rapaces e rapazas presentarán os proxectos sobre compostaxe que levan a realizar durante todo o curso nos seus centros de ensino da man dos seus profesores e en colaboración co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).

O programa da xornada comezará ás 10.00 da mañá coa inauguración oficial a cargo do presidente en funcións César Mosquera; do director do CEIDA, Carlos Vales, e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Despois chegará a quenda da presentación dos proxectos. Entre as 10.30 e as 12 serán os nenos e nenas do CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez, baixo o título ‘Do Composteiro á Horta'; logo seguirá ‘Compostando coas mans na terra', do CEIP Valle Inclán (O Grove); ‘Cooperativa Riomaior', do CEIP Plurinlingüe de Riomaior de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) e finalmente ‘Compostarte', da EEI Verducido (Pontevedra).

Chegará entón o momento para unha peza de teatro, a cargo da compañía teatral Mofa e Befa, que representarán ‘Cociña Ecónomica'. Finalmente, seguirase coa presentación dos proxectos ‘Noalla Compostando' do CEIP Noalla-Telleiro (Sanxenxo) e ‘A nosa vida no Toural: Ecolóxica, saudable e natural', do CPI do Toural (Vilaboa). A xornada rematará cunha visita á Illa das Esculturas, para coñecer a súa diversidade de fauna e flora, e cos obradoiros didácticos da exposición ‘Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato' baseada no ideario do pedagogo Francesco Tonucci.