Noticias

"Imaxinar a educación. 50 anos con Frato": unha exposición para reflexionar sobre a escola, o xogo e a cidade

O pedagogo italiano Francesco Tonucci abriu a mostra lendo unha carta dedicada ao seu alter ego, Frato e dándolle voz ao seu seudónimo


28 abril 2017
Imaxinar con Frato

A exposición "Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato" está xa no Pazo da Cultura. O pedagogo Francesco Tonucci abriu hoxe a mostra –un percorrido polas súas viñetas sobre educación, xogo e autonomía das nenas e nenos– coa lectura dunha carta ao seu alter ego Frato e dándolle voz ao seu seudónimo. Durante a mañá representantes da Deputación –como institución organizadora–, do Concello e da Xunta de Galicia coñeceron os diferentes espazos da exposición e, xa pola tarde, logo da conferencia inaugural, a entrada foi libre para o público. 

Francesco Tonucci quixo dar comezo á apertura da exposición dunha forma orixinal. Durante a presentación da mostra ás autoridades fixo unha lectura dunha carta desde a súa persoa ao seu alter ego, o debuxante Frato. Nesta carta Tonucci  deulle os parabéns ao debuxante polo seu éxito e lembrou que os primeiros debuxos xurdiron por un traballo para realizar un test sobre a agresividade infantil mediante imaxes. Segundo dixo, logo seguiu debuxando máis figuras, mais as tiras non estaban asinadas porque sentía reparo de que un investigador se dedicase a ese labor. Dende entón, non obstante, os personaxes tomaron cada vez máis repercusión e chegaron a ter espazo en revistas sobre investigación, e acadou incluso un doutorado Honoris Causa.

Segundo Tonucci, o maior éxito de Frato foi entrar nun mundo hostil á sátira como é o da educación: "Conseguiches entrar e defender as nenas e nenos, que normalmente non teñen nin voz nin voto para denunciar os erros educativos das e os mestres teimudos e tamén das e os progresistas. Algúns enfadáronse, outros conmovéronse", asegurou.

Para finalizar a lectura da carta entre si mesmo e o seu seudónimo, Tonucci asegurou a Frato que "logo de 50 anos de curiosas relacións entre nós, un tanto esquizofrénicas, conflitivas e afectuosas, podo dicir que me enriquecín contigo e podo con toda sinceridade desexarche e desexarme que poidas seguir acompañando o meu traballo ao lado das nenas e os nenos".

Xa pola tarde, na conferencia inaugural do auditorio do Pazo da Cultura previa á apertura ao público, Francesco Tonucci deu voz a Frato e, con imaxes das súas viñetas, foi teatralizándoas para convertelas en situacións reais. Neste labor estivo acompañado pola actriz Bea Campos.

Mulleres e homes felices

No acto inaugural da mañá a presidenta da Deputación asegurou que "se imaxinamos a educación como Frato e Tonucci estaremos facendo o que corresponde facer: crear sociedades de mulleres e homes felices". Carmela Silva lembrou a unha antiga profesora de Pedagoxía de cando ela estudaba Maxisterio e sinalou que é verdade a súa afirmación de que as nenas e os nenos que eduquemos hoxe serán quen constrúan o mundo no que vivimos.

En canto a Francesco Tonucci e Frato, Silva sinalou que esta semana "afondamos na súa filosofía pedagóxica, na súa forma de entender a escola e a sociedade" polo que lle amosou un "profundo agradecemento polo traballo feito pola provincia" e cualificouno como "unha persoa das que te emocionan, e que cando a coñeces a queres".

Pola súa banda, o  vicepresidente Mosquera, de quen partiu o proxecto de traer a exposición a Pontevedra e de facer posible a visita de Francesco Tonucci durante esta semana na provincia, destacou que o feito de que a mostra sexa unha realidade: "foi unha aventura e unha odisea polas súas características", dixo, tanto polas dificultades que xurdiron como polo traballo para achegala ás e aos destinatarios dos colexios, docentes e alumnado. "Despois de varias vicisitudes está aquí. Creo que é unha satisfacción para todas as persoas que traballaron nisto e  estamos convencidas e convencidos de que será un éxito e de que o traballo pagou a pena", asegurou.

Finalmente, a alcaldesa en funcións, Carme da Silva, sinalou que ter a oportunidade de que Pontevedra acolla a exposición de Francesco Tonucci "é moito máis que unha honra, porque hai persoas, colectivos e equipos humanos que co seu traballo contribúen a cambiar a sociedade, a facer do mundo un mundo mellor para vivir. Esas son as persoas que procuramos que inspiren o noso traballo no Concello de Pontevedra. Francesco e Frato son unha desas persoas". Da Silva salientou, así mesmo, o feito de que sexa un edificio municipal, o Pazo da Cultura, o que acolla a mostra, que quixo definir como "histórica".

Os espazos da mostra

A exposición "Imaxinar a educación. 50 anos con Frato" –aberta ata o 11 de xuño– está estruturada ao redor de 10 ámbitos que axudan a reflexionar e tomar conciencia desde o punto de vista das nenas e os nenos de realidades cotiás como a escola, a casa, o xogo, a cidade ou a aprendizaxe, entre outras.

‘As viñetas de Frato dannos a benvida', onde se expoñen algunhas das ilustracións máis representativas do pedagogo italiano, é a área que abre a exposición, para dar paso a ‘O mundo de Frato', onde se achega á persoa e ao personaxe a través de debuxos orixinais, fotografías, obxectos... A súa reivindicación sobre a importancia de integrar actividades manuais e oficios na escola tamén se materializa na mostra no espazo ‘Cen mans, cen linguaxes', onde a través de imaxes e propostas interactivas se provoca o público para que use as súas mans para pensar e para experimentar.

Séguenlle outros sete ámbitos baseados na participación, na creatividade, na aprendizaxe e na imaxinación. ‘Bicicleta. Espazo para gozar, investigar e aprender' reflicte o valor de liberdade e da autonomía, que leva implícito o uso da bicicleta desde a infancia, á vez que se explica o proceso físico e mecánico que permite o movemento; ‘Construcións, pequenas pezas, grandes creacións' é unha zona para darlle renda solta á curiosidade e á creatividade con materiais sinxelos e reciclados; ‘Xoguetes. A xogar non se aprende, pero xogando apréndese', partindo de modelos de xoguetes, convídase as e os asistentes a que deseñen xoguetes, investiguen mecanismos, indaguen en novas formas de comunicar a través do xogo; ‘Teño unha idea. Propostas para seguir inventando', creacións libres a través de tres propostas: as palabras, as accións e as formas; ‘Ágora. Nenas e nenos toman a palabra', un espazo no que as nenas e os nenos poderán tomar a palabra e debater sobre a súa cidade, a educación e calquera tema que consideren; ‘Natureza. Auga, barro e area para aprender' é un achegamento ao ambiente a través da creación e o xogo e ‘Para saber máis' é, finalmente, un espazo bibliográfico e de consulta informática.

Nestes momentos están concertadas visitas de máis de 3.600 escolares, preto de 300 docentes e estudantado de Ciencias da Educación, así como de asociacións e grupos.


Novas relacionadas