Noticias

"Depo en marcha" remata a próxima semana 28 obradoiros nos que participaron 550 persoas

Os cursos, que buscan favorecer o envellecemento activo, desenvolvéronse en vinte concellos da provincia de Pontevedra


08 decembro 2019
Depo en marcha

Un total de 547 persoas finalizarán a próxima semana 28 obradoiros enmarcados no programa "Depo en marcha" 2019 que se levaban a cabo en vinte concellos da provincia. Este programa está organizado pola Deputación de Pontevedra e ten como obxectivo principal promover o envellecemento activo da poboación.

O luns 9 de decembro finalizarán un total de seis obradoiros. Serán os de Ioga, no que participaban 19 persoas de Cangas; Traballos Manuais Variados, que se lles impartiu a 17 veciñas e veciños do Grove; Internet, Correo Electrónico e Manexo do Móbil, ao que acudiron 20 persoas de Vilagarcía de Arousa; os dous cursos de Arte con Flores, nos que 25 veciñas e veciños de Nigrán e 21 de Baiona estaban a tomar parte; e Ximnasia de Mantemento, a través do cal 15 veciñas e veciños do Rosal practicaban exercicio.

O martes 10 de decembro clausuraranse tres cursos deste "Depo en marcha" 2019. Serán os de Conservando a Memoria, no que participaban 19 veciñas e veciños de Pontevedra; Licores Caseiros, ao que acudían 15 persoas de Salceda de Caselas; e Pandeireta e Canto Popular, que se lles impartiu a 22 veciñas e veciños de Barro.

O día 11 de decembro oito cursos do programa chegan ao seu fin. Serán os dous de Internet, Correo Electrónico e Manexo do Móbil, ao que asistían 20 veciñas e veciños de Gondomar e 15 de Baiona; o de Pilates, no que estaban a participar 29 persoas de Cambados; e os dous de Conservando a Memoria, aos que acudían 16 pontevedresas e pontevedreses e 19 viguesas e vigueses. Tamén rematarán o de Cestería, que contaba con 15 veciñas de Meaño; o de Ximnasia de Mantemento, no que participaban 22 mulleres de Poio; e o de Licores Caseiros, ao que acudían 21 veciñas e veciños de Pazos de Borbén.

O xoves 12 de decembro rematarán un total de nove cursos. Catro deles trataron nos últimos meses a Arte con Flores e neles participaban 25 persoas de Soutomaior, 20 de Tui,e 30 de Vigo, contando este concello con dous destes obradoiros. Finalizarán tamén un curso de Ximnasia de Mantemento, no que participaban 25 veciñas e veciños de Redondela; dous de Cestería, impartidos en Tui con 22 e 15 participantes cada un; o obradoiro de Panadería e Repostería, no que participaban 25 persoas de Redondela; e o de Cociña Galega, do que formaban parte 17 mulleres de Salceda de Caselas.

Do mesmo xeito, o venres 13 de decembro 19 nigranesas e nigraneses rematarán o curso de Informática Avanzada no que estaban a participar. Pola súa banda, o sábado 14 finalizará o obradoiro de Plantas Medicinais ao que acudiron 19 persoas do concello de Oia.

Os principais obxectivos do programa "Depo en Marcha", promovido pola Deputación, son favorecer o envellecemento activo, optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade das persoas maiores, mellorar a súa calidade de vida, establecer relacións sociais e favorecer a súa participación en actividades que melloren o seu estado anímico, así como potenciar movementos de participación e cooperación social, promover espazos de encontro e impulsar a independencia das e dos maiores para evitar o illamento e as situacións de soidade.