Noticias

"Depo en marcha" pon fin á edición 2019 que contou con 2.700 participantes e 146 obradoiros

Esta semana finalizan os últimos 18 obradoiros destinados a favorecer o avellentamento activo en trece concellos da provincia de Pontevedra


23 decembro 2019
Depo en marcha

O programa da Deputación de Pontevedra "Depo en marcha" 2019 pon fin a un ano cheo de actividades nas que participaron 2.700 persoas. A iniciativa contou cun orzamento de 156.000 euros, o que supuxo 36.000 euros máis que na pasada edición. Os cursos deste "Depo en marcha" 2019 desenvolvéronse entre os meses de abril e decembro e estiveron destinados a entidades de persoas maiores, xubilados e pensionistas da provincia de Pontevedra. En total houbo 258 solicitudes de entidades presentadas en tempo e forma para ser parte desta iniciativa. Dos 146 obradoiros realizados por estas, os máis demandados foron Conservando a Memoria, Ximnasia de Mantemento, Internet, Correo Electrónico e Manexo do Móbil, Arte con Flores, Bailes de Salón e Cestería.

Serán 362 persoas as que finalicen esta semana dezaoito obradoiros enmarcados no programa que se estaban levando a cabo en trece concellos. Este programa ten como obxectivo favorecer o envellecemento activo a través de cursos e actividades que actúan como espazos de encontro e de intercambio de experiencias, evitando así o illamento e as situacións de soidade das persoas maiores. Este luns 23 de decembro clausúranse os cursos Teatro, que a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer do Morrazo de Moaña estaba a levar a cabo, e Restauración de Mobles e Tapicería, da Asociación de Mulleres Rurales O Menhir. Tamén remata o curso Pilates, ao que acudían persoas integrantes da Asociación de Vecinos y Vecinas Ameixoa de Salceda de Caselas, e o de Risoterapia, impartido a persoas da Asociación Veciñal O Tombo de Marín.

Do mesmo xeito, o xoves 26 de decembro finalizaranse dous cursos Bailes de Salón, aos que acudían persoas da Asociación Coral Rosalía de Castro de Vilagarcía de Arousa e da Asociación de Veciños de San Xurxo-Salceda de Salceda de Caselas. O mesmo día tamén se porá fin ao curso Conservas Artesanais ao que acudían veciñas e veciños do Centro Social Cultural Recreativo de Redondela. Chegados ao venres 27 de decembro o programa "Depo en marcha" 2019 contará con seis clausuras. Serán as dos obradoiros Ximnasia de Mantemento, levado a cabo pola Asociación de Xente Activa de Valga, Conservando a Memoria, impartido grazas á Asociación Club de Xubilados e Pensionistas Santa Eulalia de Meira de Moaña, e Panadería e Repostería, ao que acudían persoas do Centro Social Cultural Recreativa de Cedeira de Redondela. Do mesmo xeito, tamén finalizarán os cursos Bailes de Salón, da Asociación Cultural A Queimada de Pontevedra, Pandeireta e Canto Popular, ao que acudían persoas integrantes da Asociación Veciñal e Cultural de Cortegada de Silleda, e o obradoiro Pilates, co Centro Cultural Deportivo e Social O Coto.

O sábado 28 en Vilagarcía de Arousa porase fin aos obradoiros Musicoterapia, da Fundación Asilo Hospitalillo Sagrado Corazón de Jesús, e Traballos Manuais, levado a cabo polo Círculo Artístico Deportivo Gato Negro. Tamén finalizarán os obradoiros Ximnasia de Mantemento, ao que acudían integrantes da Asociación Zobra Camiña de Lalín, Cestería, levado a cabo no Fogar do Maior do concello de Caldas de Reis, e Panadería e Repostería, ao que acudían persoas da Asociación de Veciños de Alxan de Soutomaior.

Os principais obxectivos do programa "Depo en marcha" son favorecer o envellecemento activo, optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade, mellorar a calidade de vida das persoas maiores, establecer relacións sociais e favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico. Do mesmo xeito, tamén o son potenciar movementos de participación e cooperación social, promover espazos de encontro e impulsar a independencia para evitar o illamento e as situacións de soidade.