Noticias

Case 140 persoas participaron nos oito cursos de "Depo en marcha" 2019 que rematan esta semana en cinco concellos

Os obradoiros, que buscan favorecer o avellentamento activo, desenvolvéronse en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Mos e Redondela


02 decembro 2019
Depo en marcha

Un total de 137 persoas finalizan esta semana oito obradoiros enmarcados no programa "Depo en marcha" 2019, organizado pola Deputación de Pontevedra para promover o envellecemento activo nos concellos da provincia. Estes obradoiros desenvolvéronse en cinco municipios: Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Mos, Redondela e Vigo.

O martes 3 de decembro rematará en Pontevedra o obradoiro Bailes de Salón, no que participaron persoas da Agrupación Comarcal de Pensionistas e Xubilados de CC. OO. de Pontevedra. O xoves rematará no mesmo concello o curso Ximnasia de Mantemento, ao que asistiron integrantes da Asociación de Veciños Heroes de Pontesampaio 1.809.

No concello de Vigo outros dous obradoiros chegan ao seu termo. Así, o xoves 5 rematará tanto o curso Elaboración de xabóns, ao que acudiron socias e socios da Asociación de Vecinos Nosa Terra de Alcabre, coma Restauración de mobles e tapicería, que contou con participantes pertencentes á Asociación de Vecinos San Roque.

No día 5 tamén rematará o obradoiro Aerodance no concello de Mos, que contou coa participación de persoas da Asociación do Centro Recreativo e Cultural de Torroso. Ademais, o xoves pecharase en Vilagarcía de Arousa o curso Ioga, impartido ás e aos integrantes da Asociación Cultural Malveiras. Un día antes, o mércores 4, chegarán ao seu final os obradoiros Informática (Iniciación), tamén en Vilagarcía de Arousa, ao que acudiron persoas da Asociación de Veciños Agustín Romero de Cornazo, e Conservas Artesanais, no concello de Redondela, ao que asistiron integrantes da Asociación de Veciños Cultural e Deportiva O Eixo.

Os principais obxectivos do programa "Depo en marcha", promovido pola Deputación, son favorecer o envellecemento activo, optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade das persoas maiores, mellorar a súa calidade de vida, establecer relacións sociais e favorecer a súa participación en actividades que melloren o seu estado anímico, así como potenciar movementos de participación e cooperación social, promover espazos de encontro e impulsar a independencia das e dos maiores para evitar o illamento e as situacións de soidade.