Noticias

Máis de 300 mulleres da provincia rematan esta próxima semana accións formativas de "Conectadas"

Estes obradoiros de igualdade da Deputación de Pontevedra leváronse a cabo en once concellos da provincia


12 xaneiro 2020
Conectadas

O programa da Deputación de Pontevedra "Conectadas" leva desde o mes de agosto poñendo en marcha accións formativas dirixidas a empoderar ás mulleres da provincia mediante a formación. Así, durante a terceira semana de xaneiro porase fin a un total de 19 obradoiros nos que participaron 324 mulleres e que foron realizados nos concellos das Neves, Caldas de Reis, Cangas, A Estrada, Lalín, Redondela, Salvaterra de Miño, Vigo, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Máis polo miúdo, este luns 13 de xaneiro finalizarán o curso Pilates que a Asociación Mulleres Rurais Santa Lucía de Arcos de Caldas de Reis e a Asociación de Mulleres Rurais de Codeseda da Estrada estaban a levar a cabo. O mesmo día tamén rematarán os obradoiros de Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables, organizado pola ASPADEZA de Lalín, e Iniciación ao Patchwork, levado a cabo por mulleres da AVCD de Consumidores e Usuarios de Lavadores de Vigo.

O vindeiro martes 14 de xaneiro clausurarase o curso Teatro levado a cabo pola Asociación Santa María de Oirós de Vila de Cruces. Ademais, o próximo mércores 15 finalizará o obradoiro Ioga organizado pola Asociación de Mulleres de Chapela Agarimo de Redondela. Do mesmo xeito, o vindeiro xoves 16 de xaneiro porase fin ao curso Pintura, levado a cabo por mulleres da Asociación de Veciños Bolarqueiros de Noceda de Lalín, e Iniciación ao Patchwork, realizado pola Asociación de Mulleres Rurais Eira de Vigo. O mesmo día tamén rematará o curso Alfabetización Dixital II: Internet, Correo Electrónico, Manexo da Tableta, Teléfono Intelixente... no que participaban veciñas das Neves a través da Asociación de Mulleres Rurais Chan dos Casteliños.

Será o próximo venres 17 de xaneiro cando rematen a maior parte destes obradoiros. Porase fin ao obradoiro Risoterapia, levado a cabo pola Asociación de Mulleres Escola Vella do Hio de Cangas, Pintura, organizado pola Asociación Cultural Mulleres Rurais San Xurxo de Vea da Estrada, e Intelixencia Emocional, no que participaban integrantes da Asociación de Mulleres Rurais Avelina Valladares da Estrada. O mesmo día tamén se clausurarán os cursos Ximnasia de Mantemento levados a cabo en Lalín pola Asociación Mulleres en Igualdade A Xesta e pola Asociación Mulleres de Soutolongo así como dous obradoiros Pilates, un deles impartido grazas á Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras Avelaiña de Vilagarcía de Arousa e outro grazas á Asociación de Mulleres Rurais Amas de Casa Citania Baión de Vilanova de Arousa.

Do mesmo xeito, o vindeiro venres 17 de xaneiro tamén finalizarán os cursos Bricolaxe e Reparacións no Fogar, impartido a mulleres da Asociación de Veciños Nosa Terra de Alcabre de Vigo, e Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables, levado a cabo pola Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras de Trabanca Sardiñeira de Vilagarcía de Arousa. No marco deste "Conectadas" 2019 tamén se porá fin o próximo sábado 18 ao obradoiro Iniciación ao Scrapbooking levado a cabo pola Asociación de Veciños de Cabreira-Xermen-Salvaterra de Salvaterra de Miño.

"Conectadas" 2019 é un programa provincial que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para empoderar ás mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Ademais, esta iniciativa busca favorecer as relacións interpersoais e intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a brecha dixital. Está dirixido a asociacións, federacións e fundacións que traballan para a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento, o empoderamento feminino e a consecución da igualdade entre mulleres e homes.