Noticias

Carmela Silva inaugura este martes en Redondela "Rompe. Xoga en Igualdade", a rompedora mostra con Barbies intervidas coma protagonistas

As famosas bonecas como arquetipo da "muller obxecto" que amosan situacións de desigualdade, violencia e discriminación estarán no Auditorio do Multiusos da Xunqueira ata o 3 de novembro


21 setembro 2019
Rompe Xoga en Igualdade

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á alcaldesa, Digna Rivas, e a deputada de Cohesión Social, Olga Rodríguez, inaugurará a exposición "Rompe. Xoga en Igualdade" este martes, ás 13:00 horas no Auditorio do Multiusos da Xunqueira de Redondela. Esta mostra, que ten por obxectivo denunciar a discriminación e a desigualdade que sofren as mulleres a través dunha serie de escenas representadas por bonecas Barbie intervidas, estará aberta ao público ata o 3 de novembro e poderá visitarse de luns a venres, de 8:00 a 14:00 h e de 16:00 a 22:00 h; e os sábados, domingos e festivos, de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 22:00 h.

"Rompe. Xoga en Igualdade" é unha exposición itinerante creada por Isabel Blanco e Irene Silva e con fotografías de Noemí Chantada. Está protagonizada polas famosas bonecas Barbie, que foron intervidas para denunciar de forma impactante e rompedora a desigualdade entre mulleres e homes. Trátase dunha mostra vangardista e rompedora para golpear as conciencias e para facer pensar e reflexionar, cuxo obxectivo é non deixar a ninguén indiferente. Pretende "romper" e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes, así como concienciar a sociedade para promover a igualdade de oportunidades e a fin da discriminación e da violencia contra o 52 % da poboación. Para lograr estes obxectivos hai que "romper" e traballar arreo para evitar a invisibilidade das mulleres.

"Rompe. Xoga en Igualdade" consta de 18 paneis cheos de poesía visual que teñen por obxectivo cambiar o mundo e golpear as conciencias. Así, as protagonistas dos paneis amosan as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres desde nenas, recalcando a importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación de nenas e nenos. A boneca seleccionada para a mostra foi a Barbie por tratarse da máis famosa da historia e coa que milleiros de nenas no mundo xogan a diario, pero que, ao mesmo tempo, presenta unha muller obxecto que transmite valores sexistas que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas das nenas e nenos.