Noticias

A mostra "Rompe. Xoga en igualdade" para concienciar da loita contra a desigualdade chega este martes á Deputación de Lugo

A exposición das famosas bonecas "Barbie" da Deputación de Pontevedra estará dispoñible na planta baixa do pazo de San Marcos ata o 31 de xuño


10 xuño 2019

Coa asistencia da deputada de igualdade, Isaura Abelairas, a planta baixa do pazo de San Marcos da Deputación de Lugo acollerá este martes 11 de xuño, ás 12 horas, a apertura da mostra "Rompe. Xoga en igualdade", promovida pola Deputación de Pontevedra para denunciar a discriminación e a desigualdade que sofren as mulleres. Será a primeira vez que dita exposición saia da provincia de Pontevedra. A mostra ten por obxectivo cambiar o mundo e golpear as conciencias ante as situacións de desigualdade e discriminación das mulleres. En Lugo poderá visitarse ata o día 31 de xullo, de luns a venres en horario de 9 h. a 14 h. e de 16 h. a 20 h.

"Rompe. Xoga en igualdade" é unha exposición itinerante, vangardista e rompedora, creada por Isabel Blanco e Irene Silva e con fotografías de Noemí Chantada. As protagonistas son as famosas bonecas "Barbie", que foron intervidas para denunciar, de forma impáctante, a desigualdade entre homes e mulleres. Pretende "romper" e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes, así como concienciar á sociedade da igualdade de oportunidades e do fin da discriminación contra o 52 % da poboación.

As bonecas amosan as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres desde nenas, recalcando a importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación. A seleccionada para a mostra foi a "Barbie" por tratarse da máis famosa da historia e coa que, a diario, xogan milleiros de nenas no mundo, pero que, ao mesmo tempo, presenta a unha muller obxecto que transmite valores sexistas que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas das nenas e nenos.