Noticias

A exposición "Rompe. Xoga en Igualdade" chega o mércores ao Grove para concienciar sobre a necesidade de rachar coa violencia machista

A mostra está composta por 18 paneis cheos de "poesía visual" que poderán visitarse na Casa da Cultura ata o 22 de marzo


25 febreiro 2019
Rompe. Xoga en igualdade

Desde o mércores 27 de febreiro, e ata o próximo 22 de marzo, O Grove acollerá a mostra "Rompe. Xoga en Igualdade", impulsada pola Deputación de Pontevedra para denunciar a discriminación e a desigualdade que sofren as mulleres. A mostra, que nesta ocasión estará protagonizada por 18 paneis cheos de "poesía visual", poderá verse na Casa da Cultura de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas e de 17.00h a 20.00h.

"Rompe. Xoga en Igualdade" é unha exposición itinerante creada por Isabel Blanco e Irene Silva e con fotografías de Noemí Chantada. Está protagonizada polas famosas bonecas "Barbie", que foron intervidas para denunciar de forma impactante e rompedora a desigualdade entre mulleres e homes. Trátase dunha mostra vangardista e rompedora para golpear as conciencias e para facer pensar e reflexionar, cuxo obxectivo é non deixar a ninguén indiferente. Pretende "romper" e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes, así como concienciar á sociedade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e do fin da discriminación e da violencia contra o 52 % da poboación. Para lograr estes obxectivos hai que "romper" e traballar arreo para evitar a invisibilidade das mulleres.

"Rompe. Xoga en Igualdade" consta de 18 paneis cheos de poesía visual que teñen por obxectivo cambiar o mundo e golpear as conciencias. Así, as protagonistas dos paneis amosan as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres desde nenas, recalcando a importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación de nenas e nenos. As bonecas seleccionadas para a mostra foi a "Barbie" por tratarse da máis famosa da historia e coa que, a diario, xogan milleiros de nenas no mundo, pero que, ao mesmo tempo, presenta a unha muller obxecto que transmite valores sexistas que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas das nenas e nenos.