Noticias

A rompedora mostra "Rompe. Xoga en igualdade" chega á sede de FOANPAS en Vigo da man da Deputación de Pontevedra

A exposición dos paneis coas famosas bonecas, arquetipo da "muller obxecto", que amosan situacións de desigualdade estarán na sede da Federación ata ó 7 de xaneiro


19 novembro 2019

Os paneis da exposición artística "Rompe. Xoga en igualdade" chegará este mércores, 20 de novembro, á sede da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (FOANPAS) de Vigo, da man da Deputación de Pontevedra. A inauguración da mostra de poesía visual, elaborada polas artistas Isabel Blanco e Irene Silva, terá lugar ás 17 horas e poderase visitarse neste espazo ata o 7 de xaneiro, de luns a venres de 9.00 a 14.00 h e os martes e xoves tamén de 16.30 a 20 horas.

"Rompe. Xoga en igualdade" consta de 18 paneis cheos de poesía visual que teñen por obxectivo cambiar o mundo e golpear as conciencias. É unha mostra itinerante creada por Isabel Blanco e Irene Silva e con fotografías de Noemí Chantada, protagonizada polas famosas bonecas "Barbie", que foron intervidas para denunciar de forma impactante e rompedora a desigualdade entre homes e mulleres. Pretende "romper" e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes, así como concienciar á sociedade da igualdade de oportunidades entre mulleres e home e do fin da discriminación e da violencia contra o 52 % da poboación. Para lograr estes obxectivos hai que "romper" e traballar arreo para evitar a invisibilidade das mulleres.

A exposición xa percorreu no presente ano un total de 14 concellos, 13 deles da provincia de Pontevedra (Cangas, Pazos de Borbén, Baiona, Cambados, Ponte Caldelas, O Grove, A Guarda, Campo Lameiro, Vigo, O Rosal, Gondomar, Soutomaior e Redondela) e, fóra dela, chegou á Deputación de Lugo.