Noticias

Carmela Silva inaugura en Vigo os actos da II edición "Mulleres en acción: violencia zero" ao abeiro do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

A presidenta da Deputación calificou o proxecto como "un berro cargado de denuncia pero tamén de optimismo". Silva reivindicou un pacto de estado e que se modifique a lei para dotala de recursos. "É a lacra máis cruenta á que se enfronta esta sociedade"


24 nov 2016
Violencia Zero
Violencia Zero

Coa performance da artista Odette Fajardo, "Limpeza doméstica", a presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, inauguró na Casa das Artes de Vigo a segunda edición do proxecto "Mulleres en Acción. Violencia Zero", unha mostra itinerante que este ano percorrerá 25 concellos da provincia e que quere, a través da cultura, contribuir a loita contra as violencias de xénero que sufren as mulleres. A posta en escea de Fajardo é a primeira acción do programa 2016/2017 e ilustra a imaxe desta edición de Violencia Zero.

Na súa intervención, Silva puxo o acento en que "hai que acabar con esta lacra nunha sociedade que queira chamarse  democrática, libre, igualitaria, xusta e moderna". "Queremos visibilizar e concienciar. Violencia Zero pretende que todos nos poñamos a traballar para deter este horror". A Presidenta da Deputación tivo un recordo para a muller de Fuenlabrada asasinada hoxe. "Xa son 40 mulleres asasinadas no que vai de ano. Están en estudo dous casos máis en Galicia e outros 8 no  conxunto do estado. Xa temos que falar de 50"

Carmela Silva insistiu en que "este non é un tema máis, este é o gran tema ao que se enfronta esta sociedade. Todas as administracións teñen que plantexalo como unha prioridade. Reclamamos un gran pacto de estado e que se modifique a lei para que contemple todos os recursos necesarios, económicos, sanitarios, xudiciais e de todo tipo para que as mulleres poidan ter unha rede de seguridade que lles permita reconstruír as súas vidas.  ¿Non é suficiente que sexamos máis da metade da poboación para que as administracións tómenllo en serio e tomen decisións de verdade?, preguntouse.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero felicitou á Deputación por esta iniciativa "É un paso novo e unha forma nova de contribuír nesta batalla na que levamos tantos anos", dixo. Caballero sinalou que "se hai algunha causa xusta e imprescindible é esta, a seguridade das mulleres e no sitio máis importante, na súa propia familia".

A performance de Fajardo foi unha acción poética que non só visibiliza o problema da violencia de xénero, senón que permite recoñecer que ten as súas raíces nun sistema colonial-patriarcal-capitalista que o posibilita e fomenta, según as palabras da artista. "Esta performance pretende limpar simbolicamente a violencia. A arte é unha ferramenta verdadeira de transformación e mediante a experiencia podemos resignificar os nosos imaxinarios e facer posibles novas construcións na vida cotiá"

A segunda edición de "Mulleres en Acción. Violencia Zero" ampliase este ano a 25 accións, en 25 concellos,  en homenaxe ao 25 de novembro. As accións desenvolveranse a razón de 2 cada mes, de novembro a outubro de 2017, e culminarán cunha acción final en novembro de 2017. Os concellos que acollerán o proxecto, ademais de Vigo, son Pontevedra, Marín, Tomiño, Nigrán, Vila de Cruces, Cambados, Ponteareas, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra do Miño, O Grove, A Guarda, Soutomaior, Poio, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía , Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda, Meaño e Tui.