Noticias

A deputada Isaura Abelairas salienta o papel de mestras e mestres na presentación da acción escénica de "Violencia zero" na vila de Ponteareas

A deputada de Igualdade asegurou que "a loita contra a violencia machista ten que comezar nos centros educativos"


19 xaneiro 2017
Jovenes de Ponteareas

A deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Isaura Abelairas, asistiu esta mañá a unha nova intervención artística do proxecto "Violencia zero", a segunda edición desta mostra itinerante que está a percorrer 25 concellos da provincia ata o outono de 2017 e que quere, a través da cultura, contribuír á loita contra as violencias de xénero que sofren as mulleres.

A deputada estivo acompañada polo alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e dúas concelleiras da corporación municipal, que compartiron este evento reivindicativo con arredor de 300 rapazas e rapaces de cinco centros escolares do municipio. A acción escénica A última cea consistiu na actuación artística de Uxía Morán, actriz e profesora da Escola Municipal de Teatro de Ourense. A acción de Morán fai fincapé nos estereotipos implantados durante a ditadura franquista, época na que, ademais de seren encarceradas, fusiladas e obxecto de torturas e vexacións, as mulleres tamén padeceron unha fonda represión ideolóxica e de xénero: mulleres subordinadas aos homes, afastadas da vida pública, dedicadas exclusivamente ás tarefas domésticas…

"A loita contra a violencia machista ten que comezar nos colexios, por iso quero que todas as mestras e todos os mestres que hoxe estades aquí me acompañedes para amosar a implicación do ensino nesta loita", afirmou Isaura Abelairas no acto, lembrando que, no que vai de 2017, "apenas 20 días, xa van tres mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas". Esta cifra ascendeu nos últimos 10 anos a máis de 800 mulleres asasinadas en todo o Estado.

A deputada dirixiuse tamén á xente nova que asistiu a este evento, subliñando que "as rapazas e rapaces que hoxe estades aquí sodes o futuro, representades o cambio, non toleredes ao voso redor manifestacións machistas".

A segunda edición de "Mulleres en acción. Violencia zero" amplíase este ano a 25 accións en 25 concellos, en homenaxe ao 25 de novembro, xornada declarada pola ONU Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. As accións desenvólvense a razón de dúas por mes, de novembro de 2016 a outubro de 2017, e culminarán cunha acción final en novembro de 2017. Os concellos que acollerán o proxecto, tras Ponteareas, son Cambados, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, O Grove, A Guarda, Soutomaior, Poio, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda, Meaño e Tui.

O proxecto volve ter como obxectivo fomentar entre a cidadanía unha actitude crítica ao tempo que promover a visibilidade das artistas novas galegas, realizando un achegamento á arte contemporánea a través do diálogo cos públicos, da experiencia e da creación colectiva, incentivando a integración de mulleres e homes na loita contra a violencia machista.