Noticias

A Deputación de Pontevedra impulsa unha exposición itinerante sobre o proxecto "Mulleres en acción: violencia zero"

A exposición, que se inaugura o vindeiro mércores 3 de febreiro no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, percorrerá os concellos nos que se desenvolveu, o pasado 25 de novembro, o proxecto "Mulleres en acción: violencia zero"


31 xan 2016

O vindeiro mércores, 3 de febreiro, a Deputación de Pontevedra estreará no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra unha exposición itinerante que recolle os resultados do proxecto de acción artística contemporánea "Mulleres en acción: violencia zero", levado a cabo, o pasado 25 de novembro, no espazo público de dez concellos da provincia. Esta exposición itinerante percorrerá os concellos nos que se desenvolveu o proxecto, co obxectivo de reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención no estado actual da problemática da violencia machista no noso país e, por extensión, no mundo.

O proxecto "Mulleres en acción: violencia zero" foi unha proposta que se desenvolveu o pasado 25 de novembro nos concellos de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Redondela, Lalín, Tui, Tomiño, Moaña e Caldas de Reis, co obxectivo de fomentar entre a cidadanía unha actitude crítica e, ao mesmo tempo, promover a visibilidade das artistas novas galegas, achegándose á arte contemporánea a través do diálogo con todos os públicos da experiencia e a creación colectiva, incentivando a integración de mulleres e homes na loita contra a violencia machista.

Artistas coma Carme Nogueira, Ana Gesto, Adriana Pazos, Iria Acevedo, Rosa Neutro, Ánxela Blanco, Mónica Mura, Neves Seara, Laura Piñeiro, Mery Pais e Paulova foron as encargadas de dar corpo a "Mulleres en acción: violencia zero". Os resultados das súas actuacións poderán verse, a partir do mércores 3 de febreiro, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Tras Pontevedra a exposición itinerante "Mulleres en acción: violencia zero" trasladarase en marzo aTomiño, en abril a Lalín, en maio a Tui, en xuño a Moaña, en xullo a Redondela, en agosto a Vilagarcía de Arousa, en setembro a Cangas, en outubro a Caldas de Reis e, finalmente, en novembro a Vigo.