Noticias

Carlos Font anuncia a aprobación das tres primeiras achegas do Plan Concellos 2019 para A Cañiza

Con estes investimentos a Deputación de Pontevedra financiará tres obras de mellora de viarios municipais por un valor total de preto de 90.000 euros


19 decembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O deputado de Cooperación, Carlos López Font, vén de anunciar que a Deputación de Pontevedra aprobou a través de sendas resolucións presidenciais as tres primeiras achegas da Cañiza ao abeiro do Plan Concellos 2019. En concreto, a vila da Paradanta recibirá 38.636,76 euros para mellorar o acceso da Cerdeira a Cota-Choza, 38.599,96 euros para a mellora de camiños municipais en Candar, Toural e Cota, e 10.764,72 para a mellora da seguridade viaria e a humanización do entorno do CPI A Cañiza, obra tamén financiada polo Plan DepoRemse.

Desde o inicio de lexislatura o goberno de Carmela Silva financiou na Cañiza, ao abeiro do Plan Concellos, un total de 16 obras. En concreto, no ano 2018 a institución provincial realizou seis achegas para que o concello da Paradanta puidera levar a cabo a urbanización do parque central, por 383.217,15 euros; o subministro e colocación de luminarias no parque central do concello, por 20.000 euros; a humanización da praza de Valeixe, por 71.069,37 euros; a adquisición dun vehículo compactador de residuos sólidos urbanos, por 140.646,58 euros; a ampliación e mellora das instalacións deportivas do ximnasio municipal, por 60.499,99 euros e o saneamento en Foxo, por 119.613 euros.

Amais, neste 2018 a Deputación de Pontevedra adxudicou 51.598,69 € no que corresponde á liña 2 e tamén outros 122.361,75 € que foron destinados á financiación da contratación de 18 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 de emprego.

O goberno de Carmela Silva, ao abeiro do Plan Concellos, ten investido na Cañiza durante esta lexislatura un total de 2.107.429,31 euros.