Noticias

A Cañiza recibe preto de 20.500 euros do Plan Concellos da Deputación para a mellora do ximnasio municipal

O grao de adxudicación do Plan Concellos 2018 á Cañiza sitúase nun 48.54 %, representando un investimento na vila de 450.716,39 euros


03 xuño 2018
plan concellos 2018

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, mediante Resolución presidencial, un novo investimento no Concello da Cañiza ao abeiro da liña 1 do Plan de Concellos 2018. Trátase esta vez dunha axuda de 20.499,99 euros para a ampliación e mellora das instalacións deportivas do ximnasio municipal.

Ademais destas cantidades, o Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o municipio do Condado. En concreto, 256.256,43 euros na liña 1 para o financiamento de varios proxectos como a urbanización do parque central do concello, a adquisición dun vehículo compactador de RSU e o saneamento en Foxo, Valeixe (A Cañiza).

Ademais, a Deputación de Pontevedra adxudicou 51.598,69 € na liña 2 para o pagamento a acredores de investimentos e gasto corrente. E tamén, outros 122.361,75 € foron destinados á contratación de 18 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 do Plan de Concellos 2018.

Ata este momento, o Plan Concellos 2018 xa entregou 450.716,39 euros do total destinado á Cañiza, isto é, o 48.54 %.