Noticias

Barro completa o seu investimento do "Plan Concellos 2017" coa suma de sete novos investimentos por valor de 250.000 euros

Con esta nova achega, o Goberno de Carmela Silva pecha en catro meses os investimentos do Plan Concellos en Barro cun total de 418.000 euros


16 maio 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través de cada unha das resolucións presidenciais, sete novas achegas ao concello de Barro no marco do "Plan Concellos 2017", dentro da súa liña 1 de investimentos, por un valor total de 250.169,34 euros. Con esta suma, Barro completa o seu financiamento ao abeiro do "Plan Concellos 2017", no que este ano recibe arredor de 420.000 euros.

Deste xeito, a institución provincial entregará a cantidade de 48.728,91 € para realizar tarefas de saneamento en Estación da Portela e Goimil, outros 24.621,64 € para labores de seguridade en viarios de San Amaro e A Lardoeira, 54.428,01 € para a mellora e ampliación de diversos viarios municipais ou 51.098,70 € que o concello de Barro destinará ao financiamento do saneamento de Fonte do Curro. Ademais, 24.411,69 € para a mellora e seguridade de accesos en Madalena e no concello, 21.893,39 € para a mellora do alumeado público exterior e, en último lugar, 24.987 euros con destino ao financiamento dunha acción de seguridade viaria e accesibilidade.

Ao abeiro do "Plan Concellos 2017", anteriormente a institución provincial xa destinara a Barro 73.487,18 € para o financiamento da ampliación de viarios en Fonte do Curro na liña 1 e outros 94.157,35 € para a contratación de 15 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de emprego do Plan.

Coa suma destas novas achegas, Barro é un dos primeiros concellos que completan o investimento recibido da Deputación de Pontevedra ao abeiro do "Plan Concellos 2017". Deste xeito, a vila da comarca de Pontevedra recibe unha axuda total de 417.814,15 €.