Noticias

Preto de 120 de persoas de seis concellos da provincia participarán en seis obradoiros de "Tecendo lazos"

Os obradoiros que darán comezo o vindeiro venres centraranse na risoterapia, na música popular e tradicional, na creación de xoguetes creativos e na elaboración de xabóns naturais artesáns


01 novembro 2017
Tecendo Lazos

A Deputación de Pontevedra pon en marcha a partir deste venres, 3 de novembro, seis obradoiros do programa "Tecendo lazos", promovido polo Servizo de Cohesión Social e Xuventude da institución provincial para os concellos de Bueu, Caldas de Reis, Meis, Tomiño, O Porriño e Vila de Cruces. En total, máis dun centenar de persoas destes seis concellos se beneficiarán desta iniciativa que ten por obxectivo fomentar o envellecemento activo das persoas maiores e impulsar as habilidades sociais e a empatía das máis novas a través dunha serie de obradoiros interxeracionais de lecer e tempo libre.

O venres 3 de novembro comezarán catro obradoiros en Bueu, Caldas de Reis, Meis e O Porriño. Bueu acollerá un taller sobre "Risoterapia creativa anti estrés" no que participarán 25 persoas da vila ata o 29 de decembro. "Canta avoas", pola súa banda, terá lugar no concello de Caldas de Reis e participarán nesta actividade ata o 29 de decembro preto de trinta persoas. No caso de Meis "Xoguetes creativos con material de refugallo" será o obradoiro que se desenvolva na vila, onde se darán cita máis dunha ducia de persoas ata o 1 de decembro. Por último, no Porriño terá lugar un obradoiro de "Canta avoas".

O sábado 4 de novembro comezará os outros dous obradoiros. Un de "Xabóns naturais con receitas da avoa" no concello de Vila de Cruces e un Tomiño de "Risoterapia creativa anti estrés". No caso de Vila de Cruces, serán 24 as persoas que se beneficien desta iniciativa para aprender a elaborar xabóns naturais artesáns ata o 23 de decembro e en canto a Tomiño serán máis de 20 as persoas que participarán neste curso tamén ata o 23 de decembro.

"Tecendo lazos", unha iniciativa do Servizo de Cohesión Social e Xuventude á que a institución provincial destina 60.000 euros, ten o obxectivo de fomentar o envellecemento activo das persoas maiores e impulsar as habilidades sociais e a empatía das máis novas a través dunha serie de obradoiros interxeracionais de lecer e tempo libre. Estas actividades están destinadas a persoas de distintas xeracións dunha mesma familia, para a adquisición de lazos afectivos entre elas, dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra. Ademais, impulsaranse estratexias e oportunidades para crear espazos para o encontro, a sensibilización, a promoción do apoio social e o intercambio de recursos, ideas e valores que produzan lazos afectivos para poder construír sociedades máis xustas, integradas e solidarias.

En xeral, "Tecendo lazos" oferta cinco temáticas de obradoiros diferentes: "Risos en familia", "O noso son", "Xogos e xoguetes tradicionais. Xogando en familia", "Faino ti mesmo" e "Rastrexos". Como novidade, este ano, os obradoiros levan incorporado un módulo titulado "A historia do meu concello" no que se fará partícipe ás persoas participantes na recompilación de relatos e historias dos concellos da provincia nos que se desenvolvan as actividades.