Noticias

A mostra da Deputación de Pontevedra "Sorrisos transformadores" chega este luns a Moaña

A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, inaugurará a mostra ás 20 horas xunto coa alcaldesa, Leticia Santos


17 setembro 2017
Sorrisos Transformadores

A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, acompañada pola alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, inaugurará este luns ás 20 horas na Casa do Concello a mostra "Sorrisos Transformadores", un proxecto fotográfico para a visibilización do colectivo LGTBI que levou a cabo a institución provincial en colaboración coa Asociación de Familiares con Menores Trans*, ARELAS. A mostra, que se poderá visitar no vestíbulo da Casa do Concello, estará aberta ao público todos os días desde as 9 ata as 20 horas.

A continuación, a presidenta de ARELAS, Cristina Palacios, ofrecerá unha charla no salón de plenos do concello na que ademais de afondar sobre este tema, aportará a súa experiencia persoal e responderá ás dúbidas e cuestións que poidan xurdir. Aínda que o coloquio está dirixido a todas as persoas asistentes terá especial interese para as familias e o persoal docente.

Sorrisos Transformadores é unha exposición itinerante que acaba de percorrer varios concellos da provincia e que consta de 10 imaxes nas que aparecen retratadas a persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a protagonista da imaxe ou sobre a súa contorna. Entre as persoas retratadas inclúense persoas de referencia social, sexan ou non transexuais, pero si relacionadas coa realidade destas persoas pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe, como son por exemplo especialistas da educación, do dereito, da política ou da psicoloxía.

As súas finalidades son as de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero. A este respecto, a campaña compleméntase cunha oferta de charlas informativas destinadas á comunidade escolar.


Novas relacionadas

Sorrisos Transformadores

30 setembro 2017, a guarda, sorrisos transformadores, deputación de pontevedra