Noticias

A mostra "Sorrisos transformadores" da Deputación chega á casa do concello de Pontecesures

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, inaugura a exposición, este martes, ás 16:30 horas, acompañada polo alcalde Manuel Vidal


21 xaneiro 2017
Sorrisos

A exposición fotográfica "Sorrisos transformadores", da Deputación de Pontevedra e a Asociación de Familias de Persoas Trans* Arelas, continúa a súa itinerancia polos concellos da provincia de Pontevedra; a casa do concello de Pontecesures é a súa próxima parada. A deputada provincial de Igualdade, Isaura Abelairas, e o alcalde de Pontecesures, Manuel Vidal, inauguran a mostra este martes 24 de xaneiro, ás 16:30 horas. Despois da súa apertura, ás 17:00 horas, terá lugar, no salón de plenos, unha charla a cargo de Cristrina Palacios, presidenta da Asociación de Familias de Menores Trans*.

A mostra "Sorrisos transformadores" serve para apoiar a visibilización do colectivo LGTBI que levou a cabo a institución provincial en colaboración con Arelas, Asociación de Familiares de Menores Trans*, no marco da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBI, o 28 de xuño. En Pontecesures a exposición estará aberta ata o mércores 1 de febreiro, en horario de 8:00 a 15:00 horas, de luns a venres.

"Sorrisos transformadores" é unha exposición composta por 10 fotografías. Esta campaña de visibilización positiva inclúe as imaxes de persoas alegres, orgullosas, que mostran unha parcela da súa vida que lles gusta e van acompañadas, cada unha delas, dun texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre cada unha desas persoas e da súa contorna.

Entre as persoas retratadas inclúense persoas de referencia social, sexan ou non transexuais, pero si relacionadas coa realidade destas persoas pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe: educadoras e educadores, xuristas, políticas e políticos, psicólogas e psicólogos…

A exposición ten un carácter itinerante e de permanencia no tempo para prolongar a reflexión por parte da cidadanía."Sorrisos transformadores" nace co obxectivo de darlles visibilización, sensibilización e naturalización ao colectivo trans e ás súas familias, co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade.

A súa finalidade é, por unha banda, a de prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, por outra banda, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero. A este respecto, a campaña compleméntase cunha oferta de charlas informativas destinadas á comunidade escolar.