Noticias

A Deputación leva aos Pendellos de Agolada a mostra fotográfica "Sorrisos transformadores"

O mércores, a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, inaugurará esta exposición para a visibilización do colectivo LGTBI no CEIP de Agolada


02 maio 2017
Sorrisos transformadores

A exposición fotográfica da Deputación de Pontevedra e a Asociación de Familias de Persoas Trans* ARELAS "Sorrisos Transformadores" chega este mércores, 3 de maio, aos Pendellos de Agolada, catalogados como conxunto histórico-artístico e propiedade da institución provincial dende 2006. Este mesmo día, a mostra será inaugurada ás 12:00 horas pola deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, acompañada polo alcalde, Ramiro Varela, e será complementada cunha charla que lles impartirá a presidenta de ARELAS, Cristina Palacios, ao alumnado do CEIP de Agolada.

A mostra "Sorrisos Transformadores" de visibilización do colectivo LGTBI foi levada a cabo pola institución provincial en colaboración coa Asociación de Familiares con Menores Trans* ARELAS no marco da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBI o 28 de xuño, e estará dispoñible nos Pendellos dende o mércores 3 ata o vindeiro xoves 18 de maio, en horario de 8:30 a 15:00 horas, de luns a venres.

"Sorrisos transformadores" é unha exposición fotográfica composta por 10 imaxes. Esta campaña de visibilización positiva inclúe os retratos de persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta e irán acompañadas cada unha dun texto que recolle unha frase ou unha idea sobre cada unha desas persoas e da súa contorna. Entre as persoas retratadas inclúense algunhas de referencia social, sexan ou non transexuais, pero vencelladas coa realidade destas persoas pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe: educadoras e educadores, xuristas, políticas e políticos, psicólogas e psicólogos…

A exposición ten un carácter itinerante e de permanencia no tempo para prolongar a reflexión da cidadanía. "Sorrisos Transformadores" nace co obxectivo de lles dar visibilización, sensibilización e naturalización ao colectivo trans e ás súas familias, co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade.

As súas finalidades son as de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero. A este respecto, a campaña compleméntase cunha oferta de charlas informativas destinadas á comunidade escolar.