Noticias

A mostra da Deputación de Pontevedra Sorrisos Transformadores chega este luns á Guarda

A deputada provincial, Montse Magallanes, inaugurará a mostra ás 16 horas xunto co alcalde, Antonio Lomba


30 setembro 2017
Sorrisos Transformadores

A deputada provincial, Montse Magallanes, acompañada polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, inaugurará este luns 2 de outubro, ás 16 horas, no vestíbulo do I.E.S. A Sanguiña, a mostra Sorrisos Transformadores, un proxecto fotográfico para a visibilización do colectivo LGTBI posto en marcha pola institución provincial en colaboración coa Asociación de Familiares con Menores Trans*, ARELAS. A mostra estará aberta ao público de luns a venres, desde as 9 ata as 15 horas.

A continuación, a presidenta de ARELAS, Cristina Palacios, ofrecerá unha charla dirixida ao profesorado e alumnado do centro no que, ademais de afondar sobre este tema, aportará a súa experiencia persoal e responderá as dúbidas e cuestións que poidan xurdir.

Sorrisos Transformadores é unha exposición itinerante que vén de percorrer varios concellos da provincia e que consta de 10 imaxes nas que aparecen retratadas persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte a protagonista da imaxe ou a súa contorna. Inclúense retratos de persoas de referencia social, sexan ou non transexuais, relacionadas coa realidade destas persoas pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe, como son por exemplo especialistas da educación, do dereito, da política ou da psicoloxía

As súas finalidades son as de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero. A este respecto, a campaña compleméntase cunha oferta de charlas informativas destinadas á comunidade escolar.


Novas relacionadas

Sorrisos Transformadores

17 setembro 2017, igualdad, exposición, sorrisos transformadores, igualde