Noticias

A Deputación remata o pintado das estradas provinciais no concello de Dozón

Os traballos permitiron o remarcado de 74,1 quilómetros de sinalización horizontal


01 agosto 2017
EP6104

A Deputación xa rematou o pintado das estradas provinciais no concello de Dozón e a empresa adxudicataria dos traballos de mellora da sinalización horizontal vai iniciar nos vindeiros días os labores de repintado no Concello de Rodeiro.

Na última semana realizouse o remarcado das estradas provinciais EP-6101 entre Vidueiros e Amedo, na EP-6104 entre Castro-Dozón-Saa-Rocha e na EP-6106 Maceiras-Alvarellos, cun total de 74,1 quilómetros de sinalización horizontal, que tiña un orzamento de 30.505,38 euros. A concesionaria do lote do Deza Tabeirós (HIEZ SA) pasará estes días a realizar os últimos retoques nesas estradas e despois á rede viaria provincial en Rodeiro, onde resinalizará 47,0 quilómetros de pintado nas estradas EP-6201 Rodeiro-Vilela, na EP-6204 Portela-Antas de Ulla, así como na EP-6205 entre San Salvador e Salto, cun orzamento de 19.949 euros.

Os traballos de mellora da sinalización horizontal foron contratados polo departamento de Mobilidade da Deputación co obxectivo de fomentar a mobilidade sustentable e a seguranza viaria como eixos clave. A intención é pintar as vías (liñas lonxitudinais, aparcamentos, illotes, cebreados, pasos de peóns) que nunca tiveron marcas viarias e renovar o pintado naquelas nas que polo paso do tempo e o uso xa estean desgastadas.

Os traballos de pintado de vías contratados pola institución provincial na zona Norte da provincia comezaron na primavera polo concello de A Estrada, para pasar despois ao concello de Lalín e A Golada. Quedan por realizar traballos tamén nos concellos de Vila de Cruces e Silleda. En total, na comarca do Deza Tabeirós prevese pintar 797,2 quilómetros de sinalización horizontal.

O plan de mellora do pintado da rede viaria provincial promovido polo Departamento de Mobilidade que dirixe Uxío Benítez beneficiará a 226 estradas de titularidade da Deputación, o que supón case as tres cuartas partes do total, cunha lonxitude de 2.577 quilómetros de pintados. Tivo un orzamento xenérico de saída de 1,7 millóns de euros.