Noticias

Dozón recibe máis de 30.000 euros do Plan Concellos 2017 para a realización de diversas obras

A institución provincial leva entregado o 97 % do total destinado a Dozón dentro do plan, un investimento próximo aos 350.000 euros


26 setembro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, unha nova achega ao Concello de Dozón ao abeiro da liña 1, Investimentos, do "Plan Concellos 2017". Neste caso, Dozón recibirá 32.500,13 euros da institución provincial cos que procederá a pintar o albergue de peregrinas e peregrinos, realizar un corte de esquina nunha edificación en Sestos, reparar a ponte peonil de Seixas e instalar un sumidoiro en Piñeiro.

Con anterioridade, Dozón xa recibira a cantidade de 292.835,34 euros tamén en liña 1 para a reposición do pavimento e a reparación das fochancas da estrada que une Rañestras e Coio Branco e obras de acondicionamento de diversos camiños municipais localizados nos seguintes núcleos de poboación: Fonte dos Tornos, o localizado entre Roirís e Cruz de Paio, o que transcorre entre Rega e Sobrado (en San Martiño), o que vai desde Lagoa ata Porta Castro e, finalmente, outro en Lama da Canda.

Tamén para obras de construción de muros de formigón armado en Cubelos e Igrexa, Embeade, Porto dos Prados e Sanguiñedo, de pavimentación dos camiños de acceso ao campo de fútbol de Castro e á Lama, a pavimentación de camiños na estrada a Riazó, Pereiró, de Reboredo a Sisto, A Carballeira, Cadaval e Seixas, máis a limpeza de cunetas do camiño de San Martiño a Bidueiros, para realizar a pavimentación de camiños e do aparcadoiro da Pena de Francia e para a construción dun depósito de auga e de canalización nas Nogueiras, no Eirelo, en Pidre e Diz, ademais do saneamento de augas pluviais en Sestos, a limpeza e a reposición de area da praia fluvial e o traslado dunha arqueta en Riazó. Ademais, 20.554,91 euros que permitirán que sete persoas desenvolvan as súas profesións nos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego.

Grazas a esta nova achega, a vila de Dozón xa leva aprobado o 97,2 % do total de investimento que recibe dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 345.890,38 euros dun total de máis de 355.000 euros.