Noticias

A Deputación de Pontevedra pon a disposición do público un exemplar en facsímile con manuscritos poéticos de Rosalía que sobreviviron á fogueira trala súa morte

O Pazo provincial acolle mañá o acto institucional para conmemorar o nacemento da autora cun reparto de libros e camelias


20 febreiro 2020

A Deputación de Pontevedra vai poñer a disposición do público, a través do Servizo de Patrimonio Documental, un dos 313 exemplares dunha edición limitada en facsímile que recolle os manuscritos poéticos de Rosalía de Castro que sobreviviron á fogueira trala súa morte.

A deputada de Lingua e Patrimonio, María Ortega, presentará mañá este exemplar no acto institucional organizado para conmemorar o nacemento da poeta galega, para que despois poida ser consultado por todas as persoas que o desexen na biblioteca do Arquivo provincial. O libro, de 640 páxinas, recolle a obra poética da autora e tamén reproduce manuscritos de poemas (algúns con estrofas inéditas) que sobreviviron á destrución ordenada pola propia Rosalía trala súa morte. É coñecido que, cando estaba gravemente doente e presentindo a súa morte, ordenou ás súas fillas que ao seu finamento destruísen os papeis que contiñan os orixinais da súa obra literaria. A escena da queima deses manuscritos está contada por diversas persoas que recolleron o relato de testemuñas presenciais. Ademais, Manuel Murguía, xa viúvo, tamén rachou e fixo desaparecer todas as cartas que lle enviara a súa esposa, facendo así desaparecer unha produción de incalculable valor.

Coa adquisición deste exemplar por parte do Departamento de Patrimonio Documental, a Deputación quere poñer a disposición do público un documento case único da figura máis representativa e carismática da historia da literatura galega e unha das voces máis orixinais do século XIX europeo.

Camelias e libros

Ademais de presentar este exemplar, a Deputación celebrará mañá a conmemoración do nacemento de Rosalía cun acto no que se repartirán gratuitamente libros en galego e camelias do ‘cultivar' Rosalía de Castro entre o público asistente. O grupo Xardín Desordenado, pola súa banda, interpretará dúas pezas de versos musicados da autora de Padrón e a escritora e membro da AELG, Montse Fajardo, lerá o manifesto do colectivo con motivo do Día de Rosalía, titulado ‘Ambos errantes polo mundo andamos'.

Seguindo cos actos programados, o domingo 23, ás 12 horas, véspera do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, o Museo de Pontevedra –Sexto Edificio- acollerá unha sesión de contacontos ilustrado dedicado a público infantil e familiar para que nenas e nenos se acheguen á figura da célebre escritora. Non se require inscrición.

Finalmente, o luns día 24, a Deputación recibirá a ‘visita ilustre' da escritora Rosalía de Castro e do pintor e escritor Modesto Brocos. Durante a mañá ambos estarán en Pontevedra, de 11:00 a 12:00 horas, no Pazo provincial e o seu contorno e pola tarde, ás 19:00 horas, farán un paseo polas prazas e rúas da Porta do Sol e contorno da rúa Chao en Vigo, para rematar a representación na sede da Deputación.