Noticias

A Deputación organiza tres días de actividades para conmemorar o Día de Rosalía

O venres 21, ás 11 da mañá, terá lugar un acto institucional no Pazo Provincial no que actuará Xardín Desordenado, e o público recibirá un libro en galego e unha camelia do cultivar Rosalía de Castro


14 febreiro 2020

A Deputación de Pontevedra, a través dos departamentos de Lingua e Cultura e coa colaboración do Museo de Pontevedra, organizou tres días de actividades para conmemorar o Día de Rosalía deste ano. Haberá actos institucionais, contacontos e incluso unha "visita" da poetisa ás instalacións provinciais, ademais dun paseo polas rúas das cidades de Pontevedra e Vigo.

O primeiro evento terá lugar o venres 21 de febreiro e consistirá nun acto institucional aberto ao público no que actuará o grupo Xardín desordenado interpretando poemas musicados de Rosalía de Castro. Ademais das intervencións da presidenta Carmela Silva e da deputada de Lingua, María Ortega, a escritora vilagarciá Montse Fajardo lerá o manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), escrito este ano por Daniel Asorey e co título de Errantes polo mundo andamos.

Ademais, e seguindo a recomendación da AELG de agasallar un libro e unha flor pola conmemoración, todas as persoas asistentes ao acto e as que se acheguen ao Pazo provincial durante todo o venres poderán recoller un libro en galego e unha camelia do cultivar Rosalía de Castro. O libro será o derradeiro número da Colección Cíes da Deputación de Pontevedra, A conversa expansiva, froito do traballo no obradoiro internacional de tradución poética celebrado na Illa de San Simón en 2018, con 36 poemas e as súas correspondentes traducións do iraquí Abdul Hadi Sadoun, a portuguesa Rosa Alice Branco, a vasca Miren Agur Meabe, o indio Subhro Bandopadhyay, o alemán Timo Berger e o galego Xosé María Álvarez Cáccamo.

Museo de Pontevedra

O domingo 23, ás 12 horas, véspera do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, o Museo de Pontevedra acollerá no Sexto Edificio unha sesión de contacontos ilustrado dedicado ao público infantil e ás familias para que as nenas e os nenos se acheguen á figura da célebre escritora.

Esta actividade-homenaxe correrá ao cargo de Polo Correo do Vento e constará de tres bloques. No primeiro, Enrique Mauricio relatará a historia Figueiriñas que prantei mentres Carlos Taboada realiza unha ilustración mural sobre esta; no segundo bloque as nenas e os nenos interactuarán co conto e co debuxo nunha "rolda de prensa" guiada polos autores; e no terceiro participarán nun obradoiro de ilustración sobre o relato. Non se require inscrición, pois a entrada será libre ata completar aforo.

Visita ilustre

Finalmente, o luns 24 a Deputación recibirá a "visita ilustre" da escritora Rosalía de Castro e do pintor e escritor Modesto Brocos. Durante a mañá, de 11:00 a 12:00 horas, as rúas do contorno do Pazo Provincial serán o escenario do paseo de ambas as figuras, que falarán coa xente e conversarán sobre a súa poesía. Posteriormente serán recibidos pola presidenta da Deputación e percorrerán parte das instalacións desta institución na capital.

Pola tarde, ás 19:00 horas, farán un paseo polas prazas e as rúas da Porta do Sol e o contorno da rúa Chao en Vigo, dedicada a un apelido moi ben acaído nesta ocasión polo seu vínculo co xornalismo e coa edición no século XIX (Eduardo e Alejandro Chao), para rematar a representación na sede da Deputación.

Rosalía e Modesto, representados polos Quinquilláns, Tero Rodríguez e Lucho Penabade, viaxarán no tempo e interactuarán con toda a xente que desexe achegarse a eles para compartir a importancia da cultura e da literatura, cunha sociedade que segue a ter esta muller do século XIX como un auténtico referente.