Noticias

O 24 de febreiro, declarado institucionalmente ‘Día de Rosalía' na Deputación de Pontevedra

Os actos de conmemoración do 180 aniversario da autora galega consistiron na lectura a sete textos por parte dos membros da Corporación e na entrega de libros e dunha camelia do cultivar ‘Rosalía de Castro' ás persoas que se achegaron ao Pazo Provincial


24 febreiro 2017
Día Rosalía de Castro

O 24 de febreiro será a partir de agora o Día institucional de Rosalía na Deputación de Pontevedra grazas á aprobación pola unanimidade do Pleno da moción presentada polo grupo do BNG. Os actos provinciais de conmemoración do 180 aniversario do nacemento da autora completáronse durante a xornada de hoxe, ademais, cunha lectura de textos e co reparto de libros e camelias do cultivar ‘Rosalía de Castro' entre todas as persoas que se achegaron ao Pazo Provincial.

Na lectura institucional os representantes dos grupos políticos (salvo Marea, que declinou o convite por non poder acudir) elixiron cadanseu texto da autora galega. O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal,  organizador da iniciativa, convidou a "ler a Rosalía os 365 días do ano" e explicou que a súa escolla foi a última peza do libro ‘Cantares galegos',  ‘Eu cantar, cantar, cantei', xa que destacou que Cantares Gallegos foi a primeira publicación escrita en galego e "significou o rexurdimento da nosa lingua".

Tamén participou na iniciativa unha representante da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Elena Gallego, quen escolleu o poema titulado ‘Eu levo unha pena', que, segundo explicou, leu dunha primeira edición do libro Follas Novas que atopou nunha Feira do Libro en Bos Aires. Gallego defendeu que Rosalía "un día escribiu en galego" e a partir de aí "seguimos moitos escritores" a publicar na "nosa lingua", reivindicando a súa figura como a principal autora do país.

Os deputados provinciais do PP Ángel Moldes e Nidia Arévalo elixiron dous poemas de Cantares Gallegos: ‘Dios bendiga todo, nena' e ‘Cantan os galos pró día', respectivamente. Ambos indicaron que Rosalía é unha autora patrimonio de todos os galegos e galegas e agradeceron ao deputado Xosé Leal o convite de participar de forma conxunta no acto.

O socialista David Regades, pola súa parte, deu lectura ao primeiro poema do mesmo exemplar, ‘Has cantar!', mentres que a nacionalista Eva Vilaverde decantouse por ‘A xustiza pola man'  de Follas Novas. Sinalou que a súa escolla foi persoal e centrouse Rosalía máis reivindicativa: "É a escritora máis representativa e reivindicativa de Galiza pola súa defensa do pobo e a lingua.
Defendeu valores de igualdade de xénero e puxo en valor á muller galega. Tamén denunciou a necesidade de xustiza social, moi necesaria naqueles tempos e agora", subliñou.

Finamente, a presidenta da Deputación Carmela Silva pechou o acto destacando que a celebración institucional organizada dende o departamento de Cultura supón un recoñecemento "á muller máis universal de Galiza, da nosa terra, que ademais de escribir na nosa lingua era unha adiantada ao seu tempo polas súas reivindicacións". Silva pronunciou despois o texto ‘Lieders', considerado un dos máis feministas da escritora de Padrón.

A lectura dos poemas, que estivo flanqueada por dúas fotografías de Xurxo Lobato centradas en Rosalía, completouse coa entrega de libros de poemas en galego editados polo Servizo de Publicacións da Deputación. Tamén se repartiron camelias do cultivar ‘Rosalía de Castro' entre todas as persoas que se achegaron ao Pazo Provincial.

Moción de declaración institucional o 24 de febreiro como Día de Rosalía (pdf)

Vídeos