Noticias

Asociacións de toda a provincia protagonizarán a lectura institucional do Día de Rosalía da Deputación

Participarán representantes de asociacións que organizan eventos destacados relacionados coa música, o teatro, o audiovisual, e a tradición marítima


20 febreiro 2019
Día de Rosalía

"Nesta ocasión quixemos dar relevancia ás comarcas e ao tecido asociativo de toda a provincia nesta acción", indica Xosé Leal, responsable da área de Cultura e Lingua da Deputación, a respecto da escolla das persoas que este ano participarán na lectura institucional do Día de Rosalía. Ao igual que no pasado ano, e por coincidir o 24 de febreiro en fin de semana, a lectura institucional trasládase ao venres. "Por coincidir tamén co Ano da Música, a maioría das asociacións convidadas teñen relación con esta disciplina, aínda que non exclusivamente, e como resultado teremos unha listaxe moi representativa de entidades que organizan eventos significativos en diferentes ámbitos e por toda a xeografía provincial" indica o deputado nacionalista.

A lectura institucional, que terá lugar o venres 22 ás 11:30 horas no vestíbulo do Pazo provincial, contará coa presenza de representantes de 9 asociacións, ademais dunha autora en representación da AELG, do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, que abrirá o acto, e da presidenta da Deputación, Carmela Silva, que será a encargada poñerlle o broche. A autora designada nesta ocasión pola AELG é a poeta de Bueu, Lucía Novas, que será encargada de ler o manifesto deste ano e do que é autora a xornalista e tamén poeta Ana Romaní. Seguiranlle na quenda de lectura Keka Losada, presidenta da Asociación Arelas, entidade que organiza o Festival de Cans, O Porriño; e a actriz María Armesto, en calidade de directora artística da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Continuarán Joaquín Cadilla, presidente da Asociación de Embarcacións Tradicionais Piueiro, entidade organizadora do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia 2019 que terá lugar na Guarda; Natalia da Silva, membro da organización do Canteira Fest de Vilaboa; Isabel Gulías, da Asociación ‘O can de San Roque', que organiza a Festa do Gaiteiro de Soutelo, Forcarei; Cristina Acuña, da Sociedade cultural e deportiva do Condado, asociación organizadora do Festival de Poesía do Condado; Juan Maceira, membro da xunta directiva da Asociación que organiza o Festival Xironsa de Cambados; Luis Villanueva, vicepresidente da Asociación Amigos da Empanada, organizadora do Festival A Esmorga Folk de Bandeira, Silleda; e Sabela González, da Asociación Recreativa Contracultural Zona Afectada, entidade organizadora do Orixe Festival de Caldas de Reis.

Ao igual que en anos anteriores, e seguindo a recomendación da AELG de contribuír á conmemoración desta data agasallando un libro e unha flor, a todas as persoas que asistan á lectura e que se acheguen ao Pazo provincial durante a xornada do venres entregaráselles un libro da colección Cíes -a colección de poesía da Editorial do Servizo de Patrimonio Bibliográfico e Editorial-, e unha camelia do cultivar "Rosalía de Castro" procedente da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

O Servizo de Cultura e Lingua leva promovendo a lectura institucional desde o ano 2016, ano no que realizara a lectura no Sexto Edifico do Museo de Pontevedra, na sala que alberga a obra do fillo da autora, Ovidio Murguía de Castro, mentres que no 2017 promovera unha lectura no Pazo provincial no que participaran representantes de toda a corporación e a autora Elena Gallego, en representación da AELG; e no 2018 promovera unha lectura na que as protagonistas foran oitos mulleres de diferentes ámbitos da sociedade que incluía unha deportista, unha avogada, unha mariscadora ou unha horticultora, e como representante da AELG contara coa participación da escritora Eva Mejuto.