Noticias

A mostra da Deputación de Pontevedra "Sorrisos transformadores" chega este venres a Barro

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, inaugurará a mostra ás 13 horas xunto co alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes


01 xuño 2017
Sorrisos transformadores

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, será a encargada de inaugurar, este venres 2 de xuño ás 13 horas xunto ao alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, a mostra "Sorrisos Transformadores", un proxecto fotográfico para visibilización do colectivo LGTBI que levou a cabo a institución provincial en colaboración coa Asociación de Familiares con Menores Trans* ARELAS. A continuación, a presidenta da Asociación ARELAS, Cristina Palacios, ofrecerá unha charla na que afondará sobre esta cuestión dirixida ao alumnado e profesorado do instituto.

A mostra estará aberta ao público no propio IES de Barro ata o 15 de xuño, e poderá visitarse de luns a venres en horario de 8:30 a 15:00 horas.

"Sorrisos Transformadores" é unha exposición itinerante que acaba de percorrer varios concellos da provincia e que consta de 10 imaxes nas que aparecen retratadas a persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a protagonista da imaxe ou sobre a súa contorna. Entre as persoas retratadas inclúense persoas de referencia social, sexan ou non transexuais, pero si relacionadas coa realidade destas persoas  pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe, como son por exemplo especialistas da educación, do dereito, da política ou da psicoloxía.

As súas finalidades son as de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero. A este respecto, a campaña compleméntase cunha oferta de charlas informativas destinadas á comunidade escolar.

 


Novas relacionadas

Sorrisos Transformadores

30 setembro 2017, a guarda, sorrisos transformadores, deputación de pontevedra