Noticias

A Deputación leva unha sesión de xogos populares á mostra de artesanía de Agolada

A actividade, que se desenvolverá na contorna dos Pendellos entre as 17 e as 20 horas, está incluída na programación do Ano do Patrimonio


11 agosto 2017
Agolada

A Área de Cultura da Deputación de Pontevedra, dentro do seu programa de actividades do Ano do Patrimonio, leva esta tarde á Agolada un obradoiro de xogos populares. A actividade, que terá unha duración de tres horas, entre as 17 e as 20, forma parte do cartel da XXI Mostra de Artesanía que hoxe comeza na contorna dos Pendellos. Trátase de poñer a disposición do público unha serie de xogos tradicionais e populares, realizados en madeira, para promover o xogo como unha actividade necesaria ao longo da vida, isto é, para todos os públicos, idades, e tanto de xeito colectivo como individual. O titular da área provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, explica que "esta sesión de xogos populares atopa o a súa verdadeira razón de ser no marco da mostra que se celebra nos Pendellos, posto que recupera a esencia das relacións entre a veciñanza nas zonas rurais e en encontros como feiras e romarías".

O obradoiro está supervisado polo equipo de Art Ludic e ofrece xogos de madeira de varios tamaños e distintos ámbitos, como xogos de mesa, xogos populares de enxeño, xogos de habilidade ou de estratexia, así como xogos para construír e inventar e conxuntos de arcos de madeira para crear. A sesión está pensada para facer xogar ás persoas de todas as idades en lugares de lecer e encontro como prazas, parques ou patios. O que se busca promover é que o público que acuda a eventos como a Mostra de Artesanía nos Pendellos teña unha opción lúdica activa e participativa, dispoñendo de liberdade e ferramentas para gozar do xogo en familia e ao aire libre desde unha perspectiva histórica. Este obradoiro pretende recuperar, ao mesmo tempo, a tradición do xogo artesanal que pon en contacto ás diferentes xeracións, entendendo que o xogo non é exclusivo dos nenos e das nenas senón de quen xoga, e que serve para crear un espazo de convivencia e de creación efémero.