Noticias

A Deputación incrementa este ano ata os 280.000 € o financiamento da política social dos concellos do Baixo Miño con máis de 820 persoas beneficiarias

Os servizos comunitarios básicos, o SAF, as axudas de emerxencia, a teleasistencia e os programas de ocio ou respiro familiar son iniciativas financiadas pola Deputación


21 agosto 2018
Teleasistencia domicialiaria

Co obxectivo de mellorar o benestar e a calidade de vida das cidadás e cidadáns e especialmente as familias que necesitan unha maior asistencia, a Deputación de Pontevedra, a través dos seus programas de Cohesión Social, está a financiar a política social dos concellos da provincia. No caso da comarca do Baixo Miño este ano beneficia ata o momento a máis de 820 veciñas e veciños dos concellos da Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño e Tui, cun investimento de 280.234 euros.

Estamos a falar dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos e o servizo de axuda no fogar (SAF); as axudas básicas de emerxencia e a teleasistencia, e todos os programas de ocio ou respiro familiar dependentes da Deputación de Pontevedra como "Depotermal", "Depo en Marcha" 2018 ou Depo Aventura A Lanzada, entre outros.

No caso de Tomiño, o Goberno provincial de Carmela Silva destinou no que vai de ano ás políticas sociais da vila un total de 76.634,73 euros dos que se están a beneficiar preto de 270 veciñas e veciños do concello. Con estes cartos da Deputación, a veciñanza pode contar co plan de atención social, que ofrece asistencia económica para os Servizos Sociais Comunitarios Básicos co servizo de axuda no fogar que atendeu a 72 usuarios e usuarios en 2017; e as axudas básicas de emerxencia, que atenden as demandas das veciñas e veciños que se atopan en situación de risco ou exclusión social e que o pasado ano chegaron a 51 familias de Tomiño. Finalmente, a Deputación tamén financia o programa de teleasistencia domiciliaria que apoia este ano 2018 a 45 maiores ou persoas con diversidade funcional do concello que viven soas ou teñen dificultades para desenvolver actividades cotiás.

En canto aos programas de envellecemento activo, respiro familiar e ocio, que buscan mellorar a calidade de vida das e dos participantes, este ano están a ser preto de 100 persoas do concello de Tomiño as beneficiadas. Falamos, entre outros, de programas como "Depotermal", que ofrece a posibilidade de pasar uns días – con ou sen pernoita – en balnearios da provincia; "Depo en marcha" 2018 para gozar dos obradoiros que ofrece a Deputación; e Depo Aventura A Lanzada no que este ano participaron 31 nenas e nenos da vila. Todas estas iniciativas teñen, ademais, prazas de balde para as familias con menos recursos.

En canto ao Concello da Guarda, a institución provincial investiu 73.566,12 euros para financiar as políticas sociais da vila, que están a beneficiar a máis de 120 persoas. Con estes cartos da Deputación, a veciñanza pode contar co plan de atención social, cuxo servizo de axuda no fogar (SAF) chegou a 38 persoas en 2017, e coas axudas básicas de emerxencia, que beneficiaron a 25 familias o ano pasado. Con respecto ás actividades, neste 2018 están a ser case 60 as persoas da Guarda beneficiadas. Falamos de programas como "Depotermal", "Depo en marcha" 2018 e DepoAventura A Lanzada, no que este ano participaron 29 menores da vila.

En Tui, a Deputación destinou 53.287,8 euros para a mellora da política social na vila, da que se están a beneficiar case 240 persoas. Con este investimento, a veciñanza pode contar co plan de atención social e coas axudas básicas de emerxencia, que beneficiaron a 107 familias o ano pasado. Finalmente, o programa de teleasistencia domiciliaria apoia, este ano, a 16 veciñas e veciños do concello. Ademais, nos programas de ocio, neste 2018 están a ser case 120 persoas de Tui as beneficiadas.

No Rosal, a institución provincial investiu 40.906,19 euros para o impulso dos programas sociais neste concello, que están a beneficiar a case 130 persoas. Cos cartos da Deputación, a veciñanza pode contar co plan de atención social, cuxo servizo de axuda no fogar (SAF) chegou a 33 persoas en 2017, e coas axudas básicas de emerxencia, que beneficiaron a 20 familias. Nos programas de ocio e respiro familiar deste 2018, están a ser máis de 70 persoas do Rosal as beneficiadas.

Na vila de Oia, a Deputación destinou 35.839,83 euros para a súa política social, da que se benefician case 60 persoas. Este investimento permite que a veciñanza conte co plan de atención social, cuxo servizo de axuda no fogar chegou a 10 persoas en 2017, e coas axudas básicas de emerxencia, que beneficiaron a 9 familias. Finalmente, o programa de teleasistencia domiciliaria apoia, este ano, a 7 usuarias e usuarios. Ademais, nos programas de ocio, actividades e envellecemento activo deste 2018, benefícianse case 40 veciñas e veciños de Oia cos programas de "Depotermal", Depo Aventura A Lanzada e "Depo en marcha".