Noticias

A Deputación incrementa este ano ata os 260.000 € o financiamento da política social dos concellos da comarca do Deza con máis de 520 persoas beneficiarias

Os Servizos Sociais Comunitarios Básicos, o servizo de axuda no fogar (SAF), as axudas de emerxencia, a teleasistencia e os programas de ocio ou respiro familiar son iniciativas financiadas pola Deputación


23 agosto 2018
Programas de Cohesión Social

Co obxectivo de mellorar o benestar e a calidade de vida das cidadás e cidadáns e especialmente as familias que necesitan unha maior asistencia, a Deputación de Pontevedra, a través dos seus programas de Cohesión Social, está a financiar a política social dos concellos da provincia. No caso da comarca do Deza este ano beneficiou ata o momento a máis de 520 veciñas e veciños dos concellos de Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada e Dozón, cun investimento de 259.418 euros.

Estamos a falar dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos e o servizo de axuda no fogar (SAF); as axudas básicas de emerxencia e a teleasistencia, servizos dos que está excluído Lalín por ter máis de 20.000 habitantes, e todos os programas de ocio ou respiro familiar dependentes da Deputación de Pontevedra como Depotermal, Depo en marcha ou Depo Aventura A Lanzada, entre outros.

No caso de Silleda, o Goberno provincial de Carmela Silva destinou no que vai de ano ás políticas sociais da vila un total de 75.319,32 euros dos que se están a beneficiar preto de 200 veciñas e veciños do concello. Con estes cartos da Deputación, a veciñanza pode contar co Plan de atención social, que ofrece asistencia económica para os Servizos Sociais Comunitarios Básicos co servizo de axuda no fogar (SAF) que atendeu a 27 usuarias e usuarios en 2017; e as axudas básicas de emerxencia, que atenden as demandas das veciñas e veciños que se atopan en situación de risco ou exclusión social e que o pasado ano beneficiaron a 23 familias de Silleda. Finalmente, a Deputación tamén financia o programa de teleasistencia domiciliaria que apoia este ano 2018 a 2 maiores ou persoas con diversidade funcional do concello que viven soas ou teñen dificultades para desenvolver actividades cotiás. En canto aos programas de ocio, respiro familiar ou envellecemento activo, que buscan mellorar a calidade de vida das e dos participantes evitando o seu illamento social, este ano están a ser preto de 150 persoas do concello de Silleda as beneficiadas. Falamos, entre outros, de programas como Depotermal, que ofrece a posibilidade de pasar uns días – con ou sen pernoita – en balnearios da provincia; Depo en marcha para gozar dos obradoiros que ofrece a Deputación; e Depo Aventura A Lanzada no que este ano participaron 20 nenas e nenos da vila. Todas estas iniciativas teñen, ademais, prazas de balde para as familias con menos recursos.

En canto ao Concello de Vila de Cruces, a institución provincial investiu 57.319,08 euros para financiar as políticas sociais da vila, que están a beneficiar a máis de 100 persoas. Con estes cartos da Deputación, a veciñanza pode contar co Plan de atención social, cuxo servizo de axuda no fogar (SAF) chegou a 26 persoas en 2017, e coas axudas básicas de emerxencia, que beneficiaron a 4 familias o ano pasado. Finalmente, o programa de teleasistencia domiciliaria apoia, este ano, a 10 veciñas e veciños do concello. Con respecto ás actividades, neste 2018 están a ser case 60 as persoas de Vila de Cruces beneficiadas. Falamos de programas como Depotermal, Depo en marcha e Depo Aventura A Lanzada.

En Agolada, a Deputación destinou 54.977,76 euros para a mellora da política social na vila, da que se están a beneficiar case 100 persoas. Con este investimento, a veciñanza pode contar co Plan de atención social, cuxo servizo de axuda no fogar (SAF) chegou a 42 persoas en 2017, e coas axudas básicas de emerxencia, que beneficiaron a 18 familias o ano pasado. Finalmente, o programa de teleasistencia domiciliaria apoia, este ano, a 14 veciñas e veciños do concello. Ademais, nos programas de ocio, neste 2018 están a ser case 30 persoas de Agolada as beneficiadas.

En Dozón, a institución provincial investiu 37.308,48 euros para o impulso dos programas sociais neste concello, que están a beneficiar a case 20 persoas. Cos cartos da Deputación, a veciñanza pode contar co Plan de atención social, cuxo servizo de axuda no fogar (SAF) chegou a 13 persoas en 2017, e coas axudas básicas de emerxencia, que beneficiaron a 5 familias.

Na vila de Rodeiro, a Deputación destinou 29.418,01 euros para a súa política social, da que se benefician case 30 persoas. Este investimento permite que a veciñanza conte co Plan de atención social, cuxo servizo de axuda no fogar (SAF) chegou a 11 persoas en 2017, e coas axudas básicas de emerxencia, que beneficiaron a 8 familias. Finalmente, o programa de teleasistencia domiciliaria apoia, este ano, a 6 usuarias e usuarios. Ademais, nos programas de actividades deste 2018, benefícianse do programa Depotermal.

En relación ao Concello de Lalín, cun investimento de 4.779,95 euros, son case 80 veciñas e veciños os que están a gozar dos programas de ocio, respiro familiar ou envellecemento activo que promove a Deputación, como son Depotermal e Depo en marcha. En canto ao que está destinado á xuventude, son 18 rapazas e rapaces os que saíron beneficiados do campamento de verán Depo Aventura A Lanzada.