Noticias

A Deputación incrementa ata o medio millón de euros o financiamento da política social dos concellos da comarca de Vigo con máis de 4.100 persoas beneficiarias

Os servizos comunitarios básicos, o SAF, as axudas de emerxencia, a teleasistencia e os programas de ocio ou respiro familiar son iniciativas financiadas pola Deputación


22 agosto 2018
Os servizos comunitarios básicos, o SAF, as axudas de emerxencia, a teleasistencia

Co obxectivo de mellorar o benestar e a calidade de vida das cidadás e cidadáns e especialmente ás familias que necesitan unha maior asistencia, a Deputación de Pontevedra, a través dos seus programas de Cohesión Social, está a financiar a política social dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. No caso da comarca de Vigo este ano beneficiou ata o momento a máis de 4.150 veciñas e veciños dos concellos de Fornelos de Montes, Mos, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, e Soutomaior, ademais de Redondela e Vigo, cun investimento total de case medio millón de euros (490.250,15).

Estamos a falar dos servizos sociais comunitarios básicos e o servizo de axuda no fogar; as axudas básicas de emerxencia e a teleasistencia, servizos dos que están excluídos Vigo e Redondela por ter máis de 20.000 habitantes, e todos os programas de ocio ou respiro familiar dependentes da Deputación de Pontevedra como Depotermal, Depo en marcha ou Depo Aventura A Lanzada, entre outros.

No caso de Mos, o Goberno provincial de Carmela Silva destinou no que vai de ano ás políticas sociais da vila un total de 89.197,98 euros dos que se están a beneficiar preto de 330 veciñas e veciños do concello. Con estes cartos da Deputación, a veciñanza pode contar co Plan de atención social, que ofrece asistencia económica para os servizos sociais comunitarios básicos co servizo de axuda no fogar que atendeu a 17 usuarias e usuarios en 2017; e as axudas básicas de emerxencia, que atenden as demandas das veciñas e veciños que se atopan en situación de risco ou exclusión social e que o pasado ano beneficiaron a 41 familias de Mos. Finalmente, a Deputación tamén financia o programa de teleasistencia domiciliaria que apoia este ano 2018 a 32 maiores ou persoas con diversidade funcional do concello que viven soas ou teñen dificultades para desenvolver actividades cotiás.

En canto aos programas de ocio, respiro familiar, actividades ou envellecemento activo, que buscan mellorar a calidade de vida das e dos participantes evitando o seu illamento social, este ano están a ser preto de 240 persoas do concello de Mos as beneficiadas. Falamos, entre outros, de programas como Depotermal, que ofrece a posibilidade de pasar uns días –con ou sen pernoita– en balnearios da provincia; Depo en marcha para gozar dos obradoiros que ofrece a Deputación; e Depo Aventura A Lanzada no que este ano participaron 42 nenas e nenos da vila. Todas estas iniciativas teñen, ademais, prazas de balde para as familias con menos recursos.

En canto ao concello do Porriño, a institución provincial investiu 87.608,5 euros para financiar as políticas sociais da vila, que están a beneficiar a máis de 220 persoas. Con estes cartos da Deputación, a veciñanza pode contar co Plan de atención social, cuxo servizo de axuda no fogar chegou a 32 persoas en 2017, e coas axudas básicas de emerxencia, que beneficiaron a 34 familias o ano pasado. Finalmente, o programa de teleasistencia domiciliaria apoia, este ano, a 40 persoas da vila. Con respecto ás actividades, neste 2018 están a ser preto de 115 as persoas do Porriño beneficiadas. Falamos de programas como Depotermal, Depo en marcha e Depo Aventura A Lanzada, no que este ano participaron 35 menores da vila.

En Salceda de Caselas, a Deputación destinou 78.311,97 euros para a mellora da política social na vila, da que se están a beneficiar a máis de 230 persoas. Con este investimento, a veciñanza pode contar co Plan de atención social, cuxo servizo de axuda no fogar chegou a 26 persoas en 2017, e coas axudas básicas de emerxencia, que beneficiaron a 9 familias o ano pasado. Finalmente, o programa de teleasistencia domiciliaria apoia, este ano, a 19 veciñas e veciños do concello. Ademais, nos programas de ocio, neste 2018 están a ser case 180 persoas de Salceda de Caselas as beneficiadas.

En Soutomaior, a institución provincial investiu 46.371,11 euros para o impulso dos programas sociais neste concello, que están a beneficiar a máis de 200 persoas. Cos cartos da Deputación, a veciñanza pode contar co Plan de atención social, cuxo servizo de axuda no fogar chegou a 10 persoas en 2017, e coas axudas básicas de emerxencia, que beneficiaron a 16 familias. Nos programas de ocio deste 2018, están a ser máis de 160 persoas de Soutomaior as beneficiadas.

Na vila de Pazos de Borbén, a Deputación destinou 36.853,39 euros para a súa política social, da que se benefician 115 persoas. Este investimento permite que a veciñanza conte co Plan de atención social, cuxo servizo de axuda no fogar chegou a 12 persoas en 2017, e coas axudas básicas de emerxencia, que beneficiaron a 31 familias. Ademais, nos programas de actividades deste 2018, benefícianse máis de 70 veciñas e veciños de Pazos de Borbén cos programas de Depotermal, Depo Aventura A Lanzada e Depo en marcha.

No concello de Fornelos de Montes, a Deputación destinou 32.069,45 euros para a súa política social, da que se benefician preto de 100 persoas. Este investimento permite que a veciñanza conte co Plan de atención social, cuxo servizo de axuda no fogar chegou a 19 persoas en 2017, e coas axudas básicas de emerxencia, que beneficiaron a 30 familias. Ademais, nos programas de ocio ou respiro familiar deste 2018, benefícianse máis de 40 veciñas e veciños de Fornelos de Montes.

En relación ao concello de Redondela contou ata o momento cun investimento de 14.219,75 euros do que se beneficiaron máis de 290 veciñas e veciños que están a gozar dos programas de ocio, respiro familiar ou envellecemento activo que promove a Deputación, como son Depotermal e Depo en marcha. En canto ao que está destinado á xuventude, son 60 rapazas e rapaces os que saíron beneficiados e beneficiadas do campamento de verán Depo Aventura A Lanzada.

Para rematar, no concello de Vigo, cun investimento de 105.618 euros, son 2.662 veciñas e veciños os que están a gozar dos programas de actividades que promove a Deputación, como son Depotermal e Depo en marcha. En canto ao que está destinado á xuventude, son 724 rapazas e rapaces os que saíron beneficiadas e beneficiados do campamento de verán Depo Aventura A Lanzada.