Noticias

A Deputación de Pontevedra destina preto de medio millón de euros a Cerdedo-Cotobade, Gondomar e Rodeiro

O goberno provincial aproba estes investimentos do Plan Concellos para a reforma dun edificio, obras de saneamento e contratación de persoal


04 xullo 2020
Xunta de Goberno Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno recursos por un valor de 474.184,48 euros en asistencia aos concellos de Cerdedo-Cotobade, Gondomar e Rodeiro ao abeiro do Plan Concellos.

Na liña 1 de investimentos, a Deputación destina 231.874 euros a Cerdedo-Cotobade para a reforma dun edificio para catro vivendas de protección autonómica. Trátase dun edificio de 1920 de dúas plantas no que se vai actuar para crear dúas vivendas de planta baixa e outras dúas en planta primeira, ás que se accederá a través dunha escaleira de nova creación situada no porche. Amais, manterase a fachada da edificación e non se alterará o seu volume, conservando a súa estética orixinal.

Para Gondomar, a institución provincial aprobou unha achega de 126.201,85 euros para o saneamento nos núcleos de Loureiro e Zapa (Fase I), na parroquia de Chaín. Este proxecto dará solución á evacuación das augas residuais xeradas nunha parte destas poboacións reconducíndoas á rede de saneamento existente, mellorando así as condicións medioambientais tanto da veciñanza como as do entorno.

Pola súa banda, na liña 3 de emprego, o goberno provincial aprobou a modificación de achegas para o concello de Rodeiro que permitirá contratar a 18 persoas.