Noticias

A Deputación aproba achegas por 190.000 euros para obras de saneamento e abastecemento en Nigrán ao abeiro do Plan Concellos 2020

A institución provincial dálles luz verde ás subvencións para as actuacións previstas no núcleo de Carrasca e na rúa Carousa a través da Liña 1 de Investimentos


10 abril 2020
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra aprobou por resolución presidencial a concesión de dúas achegas de arredor de 190.000 euros para o Concello de Nigrán ao abeiro da Liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2020 que financia a institución provincial.

Máis polo miúdo, as actuacións inclúen a ampliación da infraestrutura municipal de saneamento e abastecemento na zona de Carrasca, cunha subvención da institución provincial de 138.344,47 euros. A outra achega da Deputación ascende a 51.084,66 euros e está destinada tamén a traballos de saneamento, neste caso na rúa Carousa.

Hai que destacar que, este ano, o Concello de Nigrán ten á súa disposición un investimento de case un millón de euros (998.648,23 €) correspondente ás tres liñas do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

En total, ao abeiro das tres liñas deste plan, este ano a Deputación destínalles aos 59 municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes (todos agás Vigo e Pontevedra) un orzamento de 42,2 millóns de euros, repartido con base nos criterios de poboación, dispersión e extensión territorial. A Liña 1 de Investimentos posúe un orzamento de 29,7 millóns de euros.