Noticias

A Deputación aproba unha achega de 40.000 euros para asfaltar varios camiños municipais en Pazos de Borbén ao abeiro do Plan Concellos 2020

A subvención está destinada á mellora dos camiños das Escolas de Moscoso, o Coto da Galiña e Valdecabras a través da Liña 1 de Investimentos


03 maio 2020
Plan Concellos 2020

A Deputación de Pontevedra aprobou, por resolución presidencial, a concesión dunha achega de 40.165,18 euros ao Concello de Pazos de Borbén para o asfaltado de varios camiños municipais ao abeiro da Liña 1 de Investimentos do Plan Concellos.

En concreto, a dotación de firme realizarase no Camiño das Escolas, situado na parroquia de Moscoso; así como nos camiños do Coto da Galiña e Valdecabras, emprazados ambos os dous na parroquia de Pazos.

Con esta achega, o Concello de Pazos de Borbén poderá acometer os traballos de asfaltado dos citados camiños, que na actualidade están moi deteriorados, a fin de garantir a seguridade viaria nestas zonas. En concreto, as obras que se van realizar inclúen a roza e a retirada da vexetación nas distintas zonas de actuación, a limpeza do pavimento, a dotación de firme cunha nova capa de rodaxe e a reposición de servizos. Os traballos teñen un prazo de execución de dous meses.