Noticias

Moraña recibirá en 2017 preto de 500.000 € do Plan Concellos, un 4 % máis de recursos que este ano, un punto máis que a media da provincia

O Plan da Deputación para 2017 achégalles unha media dun 3 % máis de cartos aos concellos da provincia; Moraña, cunha subida de 18.000 euros, é un dos máis beneficiados


28 decembro 2016
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra achegaralle o vindeiro ano un 4 % máis de recursos ao Concello de Moraña no marco do Plan Concellos 2017, un incremento que vén dado polas novas bases do plan, que teñen por obxectivo beneficiar os concellos máis pequenos da provincia. Deste xeito, a vila da comarca de Caldas recibirá un total de 465.199,98 € do Plan Concellos 2017, 17.582,98 euros máis que este ano, o que supón un 3,93 % máis de recursos que en 2016, ano no que xa tivo un 36,3 % de incremento respecto a 2015 (o que se traduciu en 93.747,95 € máis). Á marxe do Plan Concellos, Moraña recibirá o ano que vén outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos totais durante 2016

Durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra destinou a Moraña un total de 601.955,82 € (unha media de 138,12 € por habitante), dos cales 447.617 € se corresponderon co Plan Concellos 2016. Ademais, a institución provincial investiu 38.000 € en mobilidade, 23.000 € en cohesión social e xuventude, 17.000 € en cultura e lingua, 19.000 € para o fomento do emprego, 9.000 € para o impulso do deporte, 3.000 € en medio ambiente e outros 5.000 € para a igualdade entre mulleres e homes.

En concreto, a través da liña 1 do Plan Concellos, investíronse 336.416,26 € para unha senda peonil na PO-226 á altura de Santa Margarida e A Alberguería, a substitución da beirarrúa e tubaxe de auga na marxe dereita da rúa 1, a reposición do firme da vía principal de Saiáns e a pavimentación de vías e acometidas de saneamento do núcleo rural de Castro. Ademais, grazas á liña 4, creáronse 10 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 94.415 €.

Á marxe do Plan Concellos 2016, Moraña recibiu 16.749,26 € para o fomento da cultura e a lingua na vila, con 35 actuacións do Pontegal e do Ano Castelao, así como coas axudas á rehabilitación do patrimonio histórico-cultural. Tamén se destinaron 22.546,11 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios, as axudas básicas de emerxencia e o servizo de teleasistencia domiciliaria (do que se benefician 4 persoas) ou ben mediante os programas "Depo en marcha", "En ruta coa Depo", "Depotermal", "Tecendo lazos"e "Depo Aventura A Lanzada", no que participaron 2 nenas e nenos do concello.

Do mesmo xeito, Moraña recibiu 8.602 € para o deporte federado de base e as DEPOrte Escolas de patinaxe (dúas), judo, fútbol e baloncesto, así como 18.845,76 € destinados ao fomento do emprego a través do Plan de Práctica Laboral, que está a permitir que dúas persoas desenvolvan a súa primeira experiencia laboral no Concello de Moraña. Tamén se achegaron 4.889,35 € para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes a través do programa "Conectadas 2016" e as axudas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero, 3.000 € en medio ambiente para o mantemento do campo de fútbol de Baño e outros 38.194,07 € en materia de mobilidade, en concreto para as obras de sinalización horizontal e o Plan MOVESE.