Noticias

Meis recibirá en 2017 preto de medio millón de euros do Plan Concellos, un 9 % máis de recursos que en 2016, 6 puntos máis que a media da provincia

O Plan Concellos 2017 achégalles un 3 % máis aos concellos da provincia; Meis, que triplica a media e sobe en 40.000 euros os investimentos, é un dos máis beneficiados


07 xaneiro 2017
Meis

A Deputación de Pontevedra achegaralle este ano un 9 % máis de recursos ao Concello de Meis no marco do Plan Concellos 2017, un incremento tres veces superior á media provincial (situada nun 3 %). Deste xeito, a vila recibirá un total de 475.380,91 € do Plan Concellos 2017, 40.438,54 euros máis que o ano que acaba de rematar, o que supón un 9,3 % máis de recursos que en 2016 e que se suma ao 14,3 % de incremento que xa tivera ese ano respecto a 2015 (recibiu 54.553,02 € máis). Á marxe do Plan Concellos, Meis recibirá o ano que acaba de comezar outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos totais durante 2016

Durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra destinou a Meis un total de 677.951,06 euros (unha media de 139,96 € por habitante), dos cales 434.942,37 € se corresponderon co Plan Concellos 2016. Ademais, a institución provincial investiu 78.000 € en mobilidade, 50.000 € en cohesión social e xuventude, 16.000 € en cultura e lingua, 38.000 € para o fomento do emprego, 4.000 € para o impulso do deporte e outros 8.000 € para a igualdade entre mulleres e homes.

En concreto, a través da liña 1 do Plan Concellos, investíronse 277.550,09 € para a rede de saneamento e a reposición de firmes en Outeiro e Caticovas, a habilitación dun albergue para peregrinos e peregrinas, a mellora e ampliación de camiños nas parroquias de Paradela, A Armenteira e Nogueira, a adquisición dunha furgoneta-grúa, a mellora da seguridade viaria no núcleo urbano de Mosteiro e a instalación de caldeiras de biomasa no colexio e na casa do concello e de caldeiras de pélets no campo de fútbol e no albergue municipais. Ademais, 65.241,35 € para o pagamento de gastos correntes na liña 2, outros 16.310,33 € na liña 3 destinados á contratación de grupos musicais para as Festas de San Bieito, o Certame de Bandas, a promoción e difusión da Festa dos Callos e o maratón popular de Meis, e, grazas á liña 4, creáronse 8 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 75.840,48 €.

Á marxe do Plan Concellos 2016, Meis recibiu 15.761,91 € para o fomento da cultura e a lingua na vila, con máis de 20 actuacións do Pontegal, así como coas axudas á sinalización do patrimonio histórico-cultural e a memoria histórica. Tamén se destinaron 50.459,32 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios e especializados, as axudas básicas de emerxencia e o servizo de teleasistencia domiciliaria (con 2 usuarios e usuarias) ou ben mediante os programas "En ruta coa Depo", "Depotermal" (no que participaron 37 persoas maiores), "Tecendo lazos", "DepoRÚArte" e "Depo Aventura A Lanzada", no que participaron 12 nenas e nenos do concello.

Do mesmo xeito, Meis recibiu 3.820 € para o deporte federado de base e a Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra, así como 37.691,52 € destinados ao fomento do emprego a través dos Plans de Práctica Laboral, que están a permitir que dúas persoas desenvolvan a súa primeira experiencia laboral no Concello de Meis e, outras dúas, no tecido empresarial da vila. Tamén se achegaron 7.557,40 € para o fomento da igualdade a través do programa Conectadas 2016 e as axudas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a prevención da violencia machista, e outros 78.466,03 € en materia de mobilidade, en concreto para as obras de sinalización horizontal nas vías provinciais.