Noticias

Caldas de Reis recibe unha nova achega de 83.955,25 euros a través do "Plan Concellos 2017"

A institución provincial leva entregado o 76,58 % do total destinado a Caldas de Reis dentro do plan, un investimento de máis de 500.000 euros


15 xuño 2017
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, mediante Resolución presidencial, un novo investimento para o Concello de Caldas de Reis ao abeiro da liña 1 do "Plan Concellos 2017". Así, a institución provincial achega 83.955,25 euros que permitirán a ampliación do aparcadoiro da parcela da Tafona e a mellora de pavimentos en varios camiños.

En concreto a Deputación de Pontevedra destinará 29.254,16 euros á ampliación do aparcadoiro da parcela da Tafona xa existente e o acondicionamento de beirarrúas de formigón na pista de pádel. Por outra parte, 54.701.09 euros servirán para financiar melloras nos pavimentos dos camiños de Soutelo de Abaixo, Pazo e Canle.

A estas últimas achegas hai que sumarlle as concedidas anteriormente pola Deputación de Pontevedra á vila de Caldas de Reis dentro do "Plan Concellos 2017". Deste xeito, Caldas de Reis xa dispón doutros 171.751,33 euros para o saneamento do lugar de Casalderrique, en Carracedo; 32.459 euros para que a vila financie a adquisición dunha parcela en Segade de Arriba, e 88.000 euros para a adquisición doutra parcela para a ampliación do centro ocupacional; todas elas a través da liña 1. Así mesmo, a localidade tamén recibiu 156.495,17 euros a través da liña 3, para a contratación de 10 persoas nos distintos servizos municipais.

Deste xeito, a vila de Caldas de Reis xa leva aprobados 532.660,75 euros, o que supón un
76,58 % do total previsto dentro do "Plan Concellos 2017" para este ano.