Noticias

O Plan Concellos achega 14.000 € a Meis para a instalación de caldeiras en dependencias municipais

O grao de execución do Plan Concellos 2016 en Meis sitúase no 46%, o que supón un investimento na vila de 198.285,83 €


31 jul 2016

A Deputación de Pontevedra, mediante resolución presidencial, vén de aprobar dúas novas achegas ao concello de Meis ao abeiro do Plan Concellos 2016. Nesta quenda, a vila recibirá 6.609,62 euros para a instalación dunha caldeira de pellets no campo de fútbol municipal e outros 7.145,05 € para a instalación doutra caldeira da mesma clase no albergue do concello, facendo un total de 13.754,67 € entre as dúas. Ambas partidas do Plan Concellos 2016 veñen enmarcadas dentro da súa primeira liña, dedicada a investimentos.

Anteriormente, o concello do Salnés xa recibira 27.139 € na liña 1 para mellorar a seguridade viaria do núcleo urbano do Mosteiro e instalar unha caldeira de biomasa na Casa Consistorial, 65.241,35 € en liña 2 destinados ao pago de gastos correntes, 16.310,33 € en liña 3 –actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais– para financiar o Certame de Bandas 2016, a contratación dos grupos musicais que participaron nas Festas de San Bieito, a Maratón Popular de Meis e a promoción e a difusión da Festa dos Callos e, en último lugar, 75.840,48 € en liña 4 para a creación de oito postos de traballo nos servizos municipais de Meis.

No que levamos de 2016, o Goberno provincial xa leva entregado o 45,6% do total destinado a Meis ao abeiro do Plan Concellos, situando neste momento o investimento na vila en 198.285,83 €.