Noticias

A Deputación concede máis de 1,1 millóns de euros en préstamos sen xuros a sete concellos

A Presidenta Carmela Silva destaca que a partida adicada á préstamos creceu neste ano en medio millón de euros


06 mai 2016

A Deputación de Pontevedra concedeu a sete concellos da provincia  1.137.708,7 euros en préstamos sen xuros para diversas inversións e operacións de tesourería segundo informou a presidenta, Camela Silva.

Esta é a primeira vez que a Deputación concede estes préstamos  sen ningún tipo de coste para os concellos. Con anterioridade os concellos para poder dispor deste diñeiro tiñan que aboar uns xuros do dous por cento anual da cantidade disposta.

Carmela Silva destacou que este ano  adicouse medio  millón de euros máis do que contaba en 2015 pero co sistema de concorrencia competitiva e igualdade de condicións para todos os concellos.

Os sete concellos que pediron os préstamos e foron aprobados son os de Fornelos de Montes, por importe de  49.500 euros para mercar un camión grúa; Silleda, por importe de 202.500 euros para unha operación de tesourería;  Catoira, por un importe de 287.243,68 euros para unha operación de tesourería; Poio, por un importe de   72.649,31 euros para financiamento de diversas inversións; Pazos de Borbén, por importe de  169.958,62 euros para a construción campo de fútbol de Nespereira;  A Cañiza, por importe de  55.856,91 euros para actuacións en infraestruturas municipais; e Salceda, por importe de 300.000 euros para unha operación de tesourería.