Noticias

O goberno de Carmela Silva distribuírá outros 18 millóns de euros en proxectos singulares dos concellos de menos de 20.000 habitantes

As novas axudas terán bases obxectivas, equitativas, transparentes, claras e en concorrencia competitiva


14 agosto 2017
Carmela Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao vicepresidente, César Mosquera, presentaron esta mañá as novas bases de subvención, por valor de 18 millóns de euros, para investimentos en equipamentos e dotacións singulares na mellora do equilibrio territorial dos servizos nos concellos de menos de 20.000 habitantes. A nova convocatoria de subvencións, con bases obxectivas, equitativas, transparentes, claras e en concorrencia competitiva, financiará un proxecto por cada concello e podería achegar ata 80 % do orzamento, cun máximo de 1,5 millóns de euros.

Silva destacou que estas bases están centradas nos concellos de menos de 20.000 habitantes por un criterio de xustiza. Ao respecto, a presidenta provincial recordou que son as deputacións provinciais, tal e como recolle a Constitución Española e as leis, as institucións que "deben prestar servizos e garantir dereitos aos concellos de menos de 20.000 habitantes pero, ademais, estas subvencións son necesarias porque os novos fondos da Unión Europea, como o EDUSI, exclúen a estes concellos o que ocasiona que non poidan facer fronte a grandes proxectos e investimentos".

Así, tal e como destacou Carmela Silva, a través das subvencións para investimentos en equipamentos e dotacións singulares na mellora do equilibrio territorial dos concellos de menos de 20.000 habitantes, "se pretenden financiar proxectos que permitan a ocupación do espazo público pola cidadanía, cambiando o modelo de trama urbana, impulsando as humanizacións así como equipamentos e dotacións deportivas, culturais, sociais ou de lecer e ocio que teñen un enorme custo que os concellos de menos de 20.000 habitantes non poderían afrontar sen o apoio desta administración".

O proxecto que cada concello presente a estas bases de subvencións ten que ser, tal e como destacou a presidenta provincial, "maduro e avanzado, con todos os informes en regra e un prazo de execución claro, para evitar o que acontecía ata o de agora, que aínda a estas alturas estamos en procesos de licitación e obras de proxectos cuxos convenios se asinaron no 2013 e 2014 e que nin tiñan os permisos outorgados ". De feito, as bases das subvencións pautan que todos os proxectos estean en fase de licitación antes do 30 de xuño do 2018 e executados antes do 30 de xuño de 2019.

Este novo plan da Deputación, en palabras do vicepresidente César Mosquera, "ambicioso e transcendente, cambiará a vida e as condicións dos municipios de boa parte da provincia" xa que se pretende dar un pulo "a proxectos relevantes xa maduros e necesidades moi sentidas", que os gobernos locais non poden afrontar en solitario porque comprometerían todo o seu orzamento.

Segundo subliñou o nacionalista, o anterior Goberno provincial resolvía as achegas para actuacións deste tipo  "segundo o magnífico dedo da Presidencia", fronte ao que ocorrerá a partir de agora, cando por primeira vez hai unhas bases con criterios claros e unha comisión seleccionadora formada por persoal funcionario, co que "máis obxectividade e equidade imposible". Insistiu en que este "novo camiño" para conceder as axudas "cambia radicalmente" a maneira de facer as cousas: "cada concello ten a oportunidade de solicitar a subvención e que se lle conceda por méritos".

Por último, Mosquera destacou que os concellos deberán elixir cal é a ‘grande actuación' que queren levar adiante, xa que só se permitirá unha por municipio para estas bases. Quedarán excluídos aqueles concellos que tiveran un investimento provincial superior a 600.000 euros no presente mandato en urbanizacións ou reurbanizacións viarias: "A idea é que non haxa concellos que intenten roer por todos os lados. Xa hai liñas como a que se presentou o 14 de xuño para melloras e urbanizacións viarias. Os concellos teñen que elixir: ou quero o campo de fútbol ou unha urbanización. O que non pode ser é porque sexa dun signo político ou porque pete por varias portas… a ver se consegue por todos lados. Obxectividade e equidade, a máxima posible", finalizou.

En total, a Deputación de Pontevedra destinará a estas novas subvencións 18 millóns de euros, 6 millóns deles, como adiantou a presidenta provincial, Carmela Silva, xa se aprobarán no vindeiro pleno de setembro, e o importe restante distribuirase nas anualidades 2018 e 2019. Estas achegas, tal e como recordou a presidenta provincial, súmanse aos máis de 41 millóns de euros do Plan Concellos, aos máis de 22 millóns de euros da Estratexia de Mobilidade 3.0, e doutras achegas das que se benefician os concellos da provincia a través dos diferentes servizos e departamentos da Deputación de Pontevedra.

Os concellos interesados en presentar o seu proxecto a esta convocatoria de subvencións terán de prazo un mes a partir do día seguinte á publicación das bases no BOPPO.