Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba unha nova concesión de préstamos sen xuros para seis concellos da provincia

Arbo, Catoira, Fornelos de Montes, A Lama, Poio e Ponteareas reciben un investimento por parte da Deputación de Pontevedra de preto de 1,2 millóns de euros


23 abril 2017
Reunión aprobación prestamos sen xuros

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión de seis préstamos sen xuros, por valor de máis de 1.100.000 euros, co obxectivo de facilitar unha fonte de financiamento ao menor custo posible sen ningún tipo de xuros, comisións ou gastos doutro tipo. Deste xeito, a institución provincial permite que os concellos beneficiarios, os de menos de 50.000 habitantes, poidan afrontar a execución de distintos investimentos de operacións de tesourería.

Deste xeito, a achega aprobada para Arbo é de 30.047,76 €, cos que o Concello financiará a compra dun terreo edificable na Chan para a construción da residencia da terceira idade. O Concello de Catoira recibe un total de 400.000 € para o financiamento dunha operación de tesourería e Fornelos de Montes outros 49.500 € co obxectivo de financiar o equipamento e adaptación de oficinas e impulsar a accesibilidade. Ademais, A Lama recibe 124.527,15 € para a compra dun camión de recollida RSU, Poio unha achega de 136.321,55 € para o financiamento da mellora dos servizos e a urbanización da rúa Benigno Esperón e, por último, Ponteareas outros 400.000 € para financiar a creación dunha rede de distribución térmica e comprar a deshumectadora da piscina municipal. As achegas suman un total de 1.140.396,46 €.

Desde o ano pasado, por primeira vez, os préstamos non teñen ningún tipo de xuros, ao contrario do que acontecía co anterior Goberno, cando os intereses se situaban no 2 %. O novo Goberno provincial decidiu suprimir eses xuros co fin de contribuír a mellorar a situación que están a vivir os concellos da provincia de Pontevedra e, ademais, este ano adiantáronse as achegas a comezos de ano (as bases aprobáronse o 27 de xaneiro) ao considerar que se trata dun instrumento máis da planificación de políticas públicas.