Noticias

A Deputación de Pontevedra comezará o día 12 o pintado das estradas provinciais nas comarcas do Morrazo, O Salnés e A Paradanta

O deputado de Mobilidade sinala que as primeiras vías nas que se mellorará a sinalización horizontal serán as de Marín, A Illa de Arousa e Crecente


07 xuño 2017
Sinalización horizontal

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou hoxe que a Deputación de Pontevedra comezará o vindeiro luns día 12 o pintado das estradas provinciais das comarcas do Morrazo, O Salnés e A Paradanta.

No Morrazo os traballos iniciaranse polas cinco estradas provinciais do Concello de Marín: EP-1201 entre Marín e Penizas, EP-1202 entre Seixo e Santo Tomé de Piñeiro, EP-1204 de acceso á praia de Loira, EP-1205 de acceso a Aguete e EP-1206 de acceso á praia de Beluso. No Salnés empezaranse as obras polas dúas estradas da Illa de Arousa que están incluídas no plan: a EP-9802 das Aceñas e a EP-9803 entre o embarcadoiro e o centro da vila. Finalmente na Paradanta o pintado arrancará polas tres estradas do Concello de Crecente: a EP-5302 de acceso a Ponte Frieira, a EP-5303 Padrosos-Ameixeiras e a EP-5304 entre Vilar e Albeos.

O plan de mellora da sinalización horizontal promovido polo Departamento de Mobilidade actuará en 226 estradas de titularidade da Deputación, o que supón case as tres cuartas partes do total da rede provincial, cunha lonxitude de 2.577 quilómetros de pintados. Tivo un orzamento xenérico de saída de 1,7 millóns de euros e foi adxudicado en catro lotes por un total de 1.409.319 euros.

A mellora da sinalización horizontal, segundo asegura Benítez, enmárcase na nova filosofía do Departamento de Mobilidade da Deputación que aposta pola mobilidade sustentable na que a seguranza viaria é un eixo clave. O plan de pintado iniciará a súa execución antes do verán, tal e como estaba previsto, logo de meses de traballo de inspección por parte do persoal técnico de conservación provincial e de analizar as necesidades.

O obxectivo do plan de sinalización horizontal é que se pinten as vías (liñas lonxitudinais, aparcamentos, illotes, cebreados, pasos de peóns) que nunca tiveron marcas viarias e se renove o pintado naquelas nas que polo paso do tempo e o uso xa estean desgastadas. Coa fin de coordinar esta actuación de pintado co Plan MOVESE, polo que se instalarán redutores físicos de velocidade, deixarase a sinalización daquelas vías ou treitos nos que se construirán os pasos de peóns sobreelevados ata a finalización desas actuacións.

OBRAS POR COMARCAS

Na comarca do Morrazo o pintado horizontal chegará a 115,8 quilómetros de lonxitude e a 17 vías, sendo 32,5 quilómetros no Concello de Cangas (cinco estradas), 11,9 en Moaña (unha estrada), 29,7 en Marín (cinco estradas) e 41,8 en Bueu (seis estradas).

Na comarca de Vigo renovaranse 372,2 quilómetros de sinalización horizontal de 49 estradas cun orzamento inicial de 206.545,31 euros, sendo 37,5 quilómetros no Concello de Vigo (catro vías), 31,2 km en Nigrán (cinco vías), 33,8 km en Baiona (catro vías), 20,7  km en Gondomar (tres vías), 20,4 km no Porriño (dúas vías), 36,9 km en Salceda de Caselas (catro vías), 48,1 km no Concello de Mos (catro vías), 35,8 km en Pazos de Borbén (cinco vías), 15,7 km en Fornelos de Montes (tres vías), 47,9 km en Redondela (oito vías) e 44,3 km en Soutomaior (dúas vías). Estas actuacións realizaranse no mes de xullo no caso das vías da zona costeira e en agosto no interior da comarca.

Na comarca de Pontevedra pintaranse 332.8 quilómetros en 25 estradas. No Concello de Pontevedra renovarase a sinalización horizontal de 120 quilómetros (sete estradas), 46,5 km en Ponte Caldelas (catro estradas), 45,6 km na Lama (tres estradas), 83 km en Cotobade (seis estradas), 26,2 km en Barro (catro estradas) e 11,2 km en Poio (unha estrada). A empresa Elsamex S. A. acometerá o pintado no mes de agosto.

Na comarca do Salnés o plan de mellora da sinalización horizontal suporá o pintado de 193,6 quilómetros de sinalización horizontal en 22 vías. O concello de Cambados verá pintadas catro estradas provinciais (21,8 km), o do Grove unha (5,8 km), o de Sanxenxo cinco (50,8 km), dúas o de Meaño (26,8 km), catro o de Meis (63,7 km), tres o de Ribadumia (12 km), unha o de Vilagarcía de Arousa (4,9 km) e dúas a Illa de Arousa (7,8 km).

Na comarca de Caldas pintaranse 245,4 quilómetros de liñas de sinalización horizontal que corresponden a 24 vías: catro estradas en Caldas de Reis (68,134 quilómetros), unha en Portas (0,96 km), tres en Moraña (32,8 km) cinco en Campo Lameiro (58,9 km), catro en Cuntis (34,63 km), tres en Valga (33,32 km), unha en Pontecesures (1,83 km) e tres en Catoira (14,86 km). Iniciaranse os traballos no mes de xullo.

Na comarca da Paradanta melloraranse 167 quilómetros de pintados en catro estradas en cada un dos concellos da Cañiza (93,7 km), Covelo (34,8 km), Arbo (24,4 km) e as tres estradas mencionadas en Crecente (14,1 km).

Na comarca do Baixo Miño pintaranse 141,8 quilómetros de trazado, dos que 31,5 km son en Tui (catro estradas), 74,2 km en Tomiño, 0,5 km en Oia (unha estrada) e 35,6 km no Rosal (tres estradas). Na comarca do Condado o orzamento das actuacións ascende a 74,807,39 euros e permitirá a renovación da sinalización en 45,1 quilómetros de catro estradas provinciais en Ponteareas, de outras tres en Salvaterra de Miño (9,5 km), catro en As Neves (44,9 km), seis en Mondariz (99,3 km), e 12,8 km en dúas estradas de Mondariz Balneario. Os traballos nestas dúas comarcas realizaranse no mes de xullo.

Listaxe de estradas no plan de mellora da sinalización horizontal