Noticias

23 mulleres de Verducido participarán na primeira semana de novembro nun obradoiro do programa "Conectadas" 2019

A finalidade do programa é mellorar a formación das mulleres na comunidade para empoderalas e favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias


01 novembro 2019
Conectadas

O programa "Conectadas" 2019 continúa durante este mes de novembro. Deste xeito a primeira semana dará comezo o obradoiro Poda e Tarefas do Campo desde a Sustentabilidade no que participarán vinte e tres mulleres da Sociedad Cultural Deportiva San Martín de Verducido-Pontevedra. Os obradoiros realizaranse os xoves e os sábados desde o 7 de novembro ata o 21 de decembro. Os xoves as clases impartiranse de 17:30 a 20:30 horas e os sábados de 9:30 a 11:30 horas.

Por outra banda, esta primeira semana de novembro tamén se clausuran dous cursos do programa. Trátase, por unha banda, do obradoiro Fotografía e Edición que quince mulleres da Asociación de Empresarias de Galicia de Vigo finalizarán o martes 5 de novembro. Por outra banda, o venres 8 de novembro porase fin ao obradoiro Artesanía en Coiro que dezasete mulleres da Asociación de Mulleres Rurais A Pícara da Lama están a levar a cabo.

"Conectadas" 2019 trátase dun programa provincial que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para empoderar ás mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Ademais, esta iniciativa tamén busca favorecer as relacións interpersoais e intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a brecha dixital. Este programa está dirixido a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento e actuación, o empoderamento feminino e a consecución da igualdade de mulleres e homes.